EDUCACIÓN E MEDIO AMBIENTE

Os escolares de catro centros composteláns aprenden a cultivar un horto

12/04/2007 En virtude do convenio asinado entre as Concellarías de Medio Ambiente e Educación e a asociación ecoloxista Adega, os escolares de catro centros públicos composteláns están a por en marcha cadanseu horto escolar. As concelleiras de Educación, Elvira Cienfuegos, e de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, achegáronse ata un dos centros nos que se está a desenvolver esta actividade, o Raíña Fabiola.

Neste colexio, os alumnos dedican cada xoves unha hora e media a cultivar diversos produtos como framboesas, leitugas, cebolas, cogombros, tomates, pementos ou cebolas, e seguen o seu ciclo de crecemento. Tamén teñen o seu propio horto os colexios de Sar, Raiola e Pío XII. A actividade está aberta a todos os centros que a soliciten, coa única condición de que teñan un anaco de finca cultivable.

As dúas concelleiras salientaron a importancia da actividade de cara a que os nenos aprendan e descubran de onde proceden moitos dos alimentos que forman parte da nosa dieta. Ademais, coñecen como funciona o proceso da compostaxe. É un xeito de achegalos ao seu medio máis próximo, de que coñezan os ciclos da natureza e dos alimentos e, ao mesmo tempo, facer actividades dinámicas e lúdicas.

Os nenos son os auténticos protagonistas da experiencia, xa que se van turnado para coidar o horto e fan seguimento da evolución das especies plantadas todos os días da semana. A actividade durará ata o mes de xuño, cun total de doce a catorce sesións.

O convenio asinado entre o Concello e Adega contempla tamén outras actividades que pretenden achegar o medio ambiente aos rapaces, como por exemplo visitas á potabilizadora e á depuradora municipais, ao refuxio de animais, ou campañas de promoción do consumo responsable, sobre o cambio climático ou os incendios.

Compartir: