MEDIO AMBIENTE

Milleiros de alumnas e alumnos de toda Galicia vólcanse co Carballo do Banquete de Conxo

21/02/2022 No marco da campaña #VotaCarballo, o alumnado do CEIP Cardeal Quiroga Palacios preparou un vídeo en linguaxe inclusiva para promocionar o carballo compostelán na recta final das votacións para facerse co título de árbore de Europa. O Concello continúa tamén coas plantacións de árbores autóctonas na contorna de Santiago, nesta ocasión coa participación da empresa Viaqua que engadiu 325 carballos máis á zona do Polígono do Tambre, un acto que contou coa presenza do alcalde Xosé Sánchez Bugallo e da concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro.

Recentemente o Carballo de Banquete de Conxo foi recoñecido como a Árbore de España deste ano e aspira a obter o título de Árbore Europea do 2022. Agora compite na última fase do certame europeo "Tree of the Year" cuxo prazo de votación popular está aberto ata o 28 de febreiro na web www.treeoftheyear.org/Vote, pero durante esta última semana o resultado das votacións estarán oculto. Unha axustada votación que aínda está aberta, onde Polonia encabeza a táboa, seguida de preto por España.

Este recoñecemento é importante para unha cidade como Santiago, e como compromiso coa sustentabilidade, o Concello comprometeuse a plantar unha nova árbore autóctona por cada voto que reciba a candidatura do Carballo de Conxo. Co número de votos actuais, máis de 120.000 que superan todas as expectativas, prevese que 100.000 árbores autóctonas sexan plantadas de aquí a 2030, máis de 19.000 só no 2022.

Desafío #1Cole1Bosque

Ata o momento, 27 centros educativos aceptaron o reto de votar de forma colectiva polo Carballo do Banquete de Conxo. Se o centro logra o reto, o Concello plantará un novo bosque, que levará o nome do colexio. O tamaño do bosque dependerá do número de votos que sumen e haberá dous tipos: de máis de 500 árbores e de máis 1000 árbores.

No marco do reto #1Cole1Bosque, o CEIP Cardeal Quiroga Palacios tamén lanzou un vídeo para contribuir á difusión da campaña en prol da candidatura do Carballo a Árbore Europea do Ano 2022. Trátase dunha peza na que participan os alumnos e alumnas amosando os carteis sobre o Carballo que realizaron, acompañada pola canción "Ti e máis eu" da Banda da Loba. O vídeo emprega tamén a lingua de signos co fin de dar a coñecer dunha forma accesible esta mítica árbore e apoiala no concurso europeo.

Listado de centros educativos involucrados

- CEIP Cardeal Quiroga Palacios
- Colexio Peleteiro
- Colexio Vilas Alborada
- Colexio Vite
- Colexio Ntra. Sra. Remedios
- IES Rosalía de Castro
- CIFP Politécnico de Santiago
- Colexio A Milagrosa
- Colexio López Ferreiro
- IES Antón Fraguas
- IES Xelmírez II
- IES Fontiñas
- Colexio Roxos
- Colexio Compañía de María
- IES de Sar
- IES Xelmírez I
- Colexio Lamas de Abade
- Colexio La Salle
- Colexio Ramón Cabanillas
- Academia Tesdai
- Academia Picadilly
- Cantigas e Agarimos
- IES Agra de Raíces de Cee
- IES Féliz Muriel Rianxo
- Colexio Ventín - Ames
- IES Luis Seoane - Pontevedra
- IES Pobra do Caramiñal
- Colexio Monte dos Postes

Nova plantación de carballos con Viaqua

No marco da campaña #1Voto1Árbore, o Concello de Santiago está levando a cabo unha serie de iniciativas co obxectivo de pór en valor e incrementar os espazos naturais cos que xa conta a capital de Galicia.

Ademais dos colexios, outro dos colectivos locais que se implicaron de forma activa nesta campaña, foron unha serie de empresas da cidade fortemente sensibilizadas co medio natural e a RSC. Nesta ocasión, representantes da empresa Viaqua participaron esta mañá na plantación de 325 novos carballos na zona do Polígono do Tambre, un acto que contou coa presenza co alcalde Xosé Sánchez Bugallo e da concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro.

Un carballo cunha historia de máis de 250 anos

Este histórico carballo naceu coa Ilustración. Foi testemuña en 1856 do Banquete Democrático de Conxo, acto revolucionario que reivindicou os ideais da nova Europa: Liberdade, Igualdade e Fraternidade.

Foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. E o bosque que o acolle, ao pé do Camiño Portugués de peregrinación, é hoxe todo un cofre botánico, aberto ao público en 2018, cunha gran festa popular, tras permanecer inaccesible durante máis dun século.

Compartir: