VIVENDA

Ao Concello sorpréndenlle as afirmacións de Vivenda sobre incorreccións nos expedientes despois de once meses sen emitir ningún informe

12/04/2007 A Consellería de Vivenda fixo pública unha nota en referencia á tramitación dos expedientes adxudicatarios provisionais de 99 vivendas de promoción pública no Concello de Santiago. Nota na que, entre outras afirmacións, sorprende a acusación ao Concello de Santiago de dilación no proceso de tramitación das devanditas adxudicacións.

Como queda de manifesto no informe que segue, o proceso de exposición pública, recepción de expedientes, selección, baremado, inspeccións, etc, realizouse conforme os prazos legais e coa maior premura posible, pero tamén coa rigorosidade que esixe un proceso das características sociais do presente.

Sorprende que a Consellería de Vivenda acuse ao Concello de "demorar" once meses este traballo e que pola contra deixen de poñer de manifesto que entre o 24 de marzo de 2006, que se entregan os expedientes na Delegación Provincial da Consellería de Vivenda, ata febreiro de 2007 –once meses despois- non emitira ningún informe nin formulara ningunha petición, nin manifestara nada do que amosa na nota feita pública, diante das solicitudes feitas polo Concello tanto escritas como verbais. O Concello nunca manifestou ningunha oposición a prestar a colaboración necesaria nestes procesos, nin coa anterior administración nin coa actual Consellería de Vivenda.

Ao Concello tamén lle sorprende que se tarde un ano en facer públicas estas afirmacións e consideren o tempo empregado polo Concello como o principal lastre do retraso, cando na revisión que eles afirman ter realizada empregaron o mesmo ou máis sen que exista ningún tipo de tramitación en marcha. Porén, desde o Concello non existe ningún ánimo de crear polémica, só de que se produza a resolución correspondente nun prazo razoable.
No informe que segue quedan definidos os traballos desenvolvidos polo Concello neste proceso e os tempos empregados no mesmo e, como queda de manifesto, non existiu ningún tipo de demora nin abandono.

O Concello quere facer públicas tamén as seguintes consideracións aclaratorias respecto das acusacións realizadas pola Consellería de Vivenda:

1. É obvio que non se poden elaborar as listas de 1.566 solicitantes no prazo de 3 meses, aínda que así o dispoña o Decreto que regula a adxudicación das VPP. O cumprimento deste prazo nunca se esixiu pola Consellería de Vivenda, nin a Santiago, nin a ningún outro concello de Galicia

2. As listas, aprobadas o 6 de febreiro de 2006 pola Xunta de Goberno Local, deberon ser expostas a información pública durante o prazo dun mes, segundo dispón o artigo 38º.3 do citado Decreto. Este prazo, estendeuse ata o 8 de marzo, Desde esta data e ata o 24 de marzo, data na que as listas foron enviadas á Xunta Cualificadora, elaboráronse 113 informes relativos a outras tantas reclamacións presentadas.

3. A Xunta Cualificadora non iniciou os traballos de revisión da lista provisional ata o 27 de febreiro de 2007 (11 meses despois de que o Concello enviara os expedientes).

4. Todos os expedientes, e especialmente os 200 primeiros, tiñan toda a documentación esixida polo Decreto 98/92, do 26 de marzo, que era o vixente na data da convocatoria. Outra cousa é que, con data 12 de novembro de 2004, en pleno período de presentación de solicitudes, e sen que mediara aviso ningún por parte do IGVS, se publicara no DOG o Decreto 257/2004, do 29 de outubro, no que se esixía adicionalmente un certificado do rexistro da propiedade, que obviamente non figuran nos expedientes porque non viña esixido por aquel Decreto vixente na data da convocatoria. Desta circunstancia deuse conta tanto á antiga Comisión Provincial de Vivenda, como a actual Xunta Cualificadora, chegando ao razoable acordo de que sería esta a que solicitaría este documento, e só aos 200 primeiros , entre outras razóns porque supón o considerable desembolso de 10 euros por cada membro maior de idade da unidade familiar. Cómpre ter en conta que se trata de familias con escasos recursos económicos.

5. En relación coas reclamacións admitidas, só cabe dicir que coinciden substancialmente cos informes emitidos polo Concello e que nalgún caso os solicitantes presentaron informes técnicos sobre as vivendas que contradín os informes municipais, polo que a Xunta Cualificadora acordou que a Consellería de Vivenda fixera outros informes técnicos para dirimir estes casos.

6. Non é certo que o Concello tivera un erro ao puntuar o tempo de antigüidade na residencia. O que sucede é que a Xunta Cualificadora ten un criterio interpretativo do artigo 1.e.1 do baremo do Decreto distinto do que aplicou a Oficina municipal de vivenda. En todo caso, a diferenza de criterios en relación a este asunto apenas afectará ás listas.

7. Tampouco é de recibo que falen de "outras deficiencias dos expedientes", porque en ningún caso son tales. Por exemplo, o Decreto non dispón en ningún dos seus artigos que a vivenda que se debe tomar en consideración é a que se habita na data da convocatoria; é obvio que os cambios de vivenda durante o período de solicitude poden dar pé ao fraude, por iso mesmo en todos os casos nos que existían indicios de que este se puidera producir fixéronse as correspondentes inspeccións.

8. Por último, cómpre dicir que nas sesións da Xunta Cualificadora ás que asistiu un representante do Concello non se produciron grandes discrepancias na resolución individualizada dos expedientes, polo que cabe prognosticar que a lista definitiva que aprobe a Xunta Cualificadora non diferirá moito da lista aprobada polo Concello.

INFORME

1.- O procedemento de adxudicación iniciouse coa apertura do prazo para a presentación de solicitudes que se estendeu desde o 15 de outubro de 2004 ata o 15 de xaneiro de 2005, segundo resolución do IGVS, de 1 de outubro .
As vivendas localízanse en Volta do Castro (30), Ponte Pereda 25), O Avío (24) e As Cancelas (21).

2.- Rematado o prazo anterior, fíxose un primeiro filtrado das 1.566 solicitudes para excluír a aquelas que xa de entrada non cumprían as condicións precisas para acceder a unha vivenda de promoción pública (2 anos de residencia ou traballo en Santiago, como mínimo, ingresos comprendidos entre 0,7 e 2,5 veces o salario mínimo e acreditar a necesidade de vivenda).

3.- A continuación, procedeuse a solicitar documentación por escrito naqueles casos nos que estaba incompleta (unhas 600 notificacións).

4.- Coa documentación completa, elaboráronse as listas de vivendas a inspeccionar, ben polas arquitectas técnicas contratadas para tal efecto ou ben polas traballadoras sociais da Oficina de Vivenda (inspeccionáronse unhas 550 vivendas, elaborándose os correspondentes informes técnicos e sociais).

5.- A seguir, elaboráronse as listas provisionais de admitidos, coa correspondente puntuación, consorte ao baremo oficial (931 solicitantes) e a lista de excluídos, identificando a causa da exclusión (635 solicitantes).

6.- Por último, fíxose un exame exhaustivo das 200 solicitudes con maior puntuación e por tanto potenciais adxudicatarios de vivenda, para comprobar se a puntuación outorgada era correcta.

Estes traballos técnicos remataron a mediados de decembro de 2005.

7.- A mediados do mes de xaneiro de 2006, reuniuse a Comisión Municipal de Vivenda en dúas sesións, informando favorablemente as listas elaboradas pola Oficina de Vivenda.

8.- A Xunta de Goberno Local, en sesión celebrada o día 6 de febreiro de 2006, aprobou as citadas listas, procedéndose á súa exposición ao público polo prazo dun mes, tal como esixe o Decreto 257/2004 que regula a adxudicación das VPP. O período de exposición pública estendeuse desde o 8 de febreiro ata o 8 de marzo.

9.- O día 24 de marzo de 2006 remitíronse os 1.566 expedientes (xunto cos informes correspondentes ás 111 reclamacións presentadas durante o período de información pública) á Xunta Cualificadora da Delegación Provincial da Consellería de Vivenda e Solo.

10.- Para a elaboración destes traballos o Concello contratou a catro traballadoras sociais e a unha auxiliar administrativa, ás que cómpre engadir ao xefe de sección da Oficina de Rehabilitación e Vivenda e outra traballadora social procedente da UMAD.

Compartir: