AUDITORIO

Maximino Zumalave dirixe de novo á Real Filharmonía de Galicia

11/04/2007 Logo da paréntese da Semana Santa, o Auditorio de Galicia énchese de novo coa música da Real Filharmonía, cun concerto de marcado sabor galego. Ademais do director, o compostelán Maximino Zumalave, a música remitirá ao pasado mítico de Galicia, coa "Fantasía Celta", do compositor José Vicente Egea. O programa complétase cunha Sinfonía de Carl Maria von Weber e coa "Suite Checa" de Dvorak.

O público compostelán poderá disfrutar do seu director máis recoñecido. Maximino Zumalave formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, foi o principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e fundador da RFG, formación á que segue vinculado como director asociado. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Zumalave dirixiu a importantes formacións como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, a Sinfónica de Praga ou a Orquestra da Ópera Nacional de Sofía. En febreiro de 1995 foi elixido Académico de Número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

Nesta ocasión, no programa destaca a "Fantasía Celta", de José V. Egea, un dos compositores españois máis coñecidos e innovadores. Esta obra, composta nos anos 60 foi revisada polo propio autor para esta ocasión, polo que poderase gozar dun auténtico estreo. Egea graduouse en trompeta e é titulado superior Composición, Dirección de Coros e Orquestra no Conservatorio Superior de San Sebastián. Ademais, foi o primeiro "Special Student" en graduarse en Dirección de Orquestra na Manhattan School of Music de Nova York. Actualmente é moi recoñecido polo súa faceta de director da Banda Municipal Plamponesa.

Compartir: