CASCO HISTÓRICO

Compostela recibiu o Premio Nacional de Cidades Patrimonio da Humanidade

11/04/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recolleu das mans da ministra de Cultura, Carmen Calvo, o Premio Nacional 2005 de Cidades Patrimonio da Humanidade. Fíxoo no transcurso dun acto celebrado na Deputación Provincial de Cádiz, no que se entregaron os galardóns das edicións 2005 e 2006.

O xurado distinguira a Santiago polo "seu permanente labor na conservación e na rehabilitación do seu conxunto histórico e pola súa preocupación constante por dotarse de instrumentos de planeamento xeral e especial, nos que se incorporan a rehabilitación, a recuperación e a incorporación dos espazos públicos á cidade declarada Patrimonio Mundial". Tamén se tivo en conta "a preocupación constante por integrar os cometidos que a arquitectura contemporánea compre na súa paisaxe urbana".

Santiago de Compostela recibiu o primeiro premio da edición de 2005, na que tamén foi galardoada a Universidade Internacional de Andalucía, por culminar a recuperación e posta en uso do Palacio de Jabalquinto, en Baeza. A máxima distinción de 2006 foi para o Concello de Elxe, polo seu Programa para a Recuperación Integrada do Palmeiral, mentres que o segundo premio recaeu no Concello de Lugo, polo seu labor na conservación, mantemento e rehabilitación da muralla urbana e do seu contorno.

Sánchez Bugallo foi o encargado de falar en nome de todos os premiados. Na súa intervención indicou que "un exemplo representativo da diversidade cultural e patrimonial de España son os conxuntos históricos galardoados. A cidade de Baeza -onde se asenta o palacio Jabalquinto, sede da galardoada Universidade de Andalucía- e a de Santiago de Compostela, tan diferentes entre si, comparten non obstante un proceso de renovación urbana do seu casco histórico logrou manter a diversidade social que historicamente as conformou e a pervivencia dos seus espazos públicos como primeiro lugar de encontro, cultura e relación. De igual xeito, dixo " as palmeiras de Elxe e a Muralla de Lugo comparten hoxe o feito de envolver e acubillar dunha forma exquisita as súas cidades e os seus habitantes."

No caso de Santiago, o alcalde lembrou o traballo feito "conservando e rehabilitando o noso centro histórico e implementando o crecemento urbano cunha arquitectura e cun urbanismo de calidade que nos permita ofrecer ao futuro un novo patrimonio que alcance a categoría de histórico". Para lograr isto, afirmou, "restableceuse o valor cultural da cidade histórica como feito urbano e equilibráronse as súas funcións urbanas e a recuperación do uso residencial", o que permitiu defender á cidade fronte as transformacións que tivera provocado o turismo."

Colaboración institucional

Sánchez Bugallo tivo palabras para o traballo do Consorcio de Santiago, que permitiu "recuperar gran parte do casco histórico e dotar á cidade de modernas infraestruturas viarias e de servizos". Puxo a esta entidade como exemplo da colaboración institucional necesaria para estas tarefas.

Finalmente, recoñeceu que o premio é "un estímulo para todos os implicados nos procesos de conservación e restauración do noso patrimonio e un valioso sostén do legado que nos deixaron os nosos antepasados e que queremos conservar o mellor posible para o goce de quen nos suceda".

Calidade, adecuación ao contorno e revitalización

O Premio Cidades Patrimonio da Humanidade é o recoñecemento público ao labor levado a cabo no ámbito da conservación, restauración, promoción e difusión do patrimonio histórico e cultural nos conxuntos históricos declarados Patrimonio da Humanidade. A orixe do galardón procede do Protocolo asinado o 8 de xullo de 1998 entre o Ministerio de Educación e Cultura e os concellos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Na determinación dos dous mellores proxectos de cada ano valórase a calidade dos mesmos e da súa execución material, así como a súa adecuación espacial ao contorno e ao contexto urbano, a súa función de revitalización social do conxunto histórico e a súa aplicación como modelo a outros conxuntos.

Documentos relacionados



Compartir: