DEPORTES

Santiago acolle este sábado os campionatos de Galicia de Loitas Olímpicas e de Grappling-Gi coa participación de case 200 deportistas

28/01/2022 A concelleira de Deportes e Benestar Animal, Esther Pedrosa, acompañada do presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal, e o director técnico, Pablo Pintos, presentaron os campionatos de Loita Olímpica e Grampling-Gi que se celebrarán no pavillón municipal de Santa Isabel este sábado 29 de xaneiro. A cita deportiva conta cun total 190 inscritos nas dúas disciplinas procedentes de 21 equipos que competirán polos títulos nas diferentes categorías a nivel rexional.

A concelleira Esther Pedrosa amosouse "moi satisfeita" de que o Concello de Santiago poida colaborar con FEGALOITA na organización deste torneo de máximo nivel autonómico e animou aos composteláns a "achegarse a Santa Isabel para descubrir estas disciplinas que son moi vistosas". Tamén aproveitou a rolda de prensa para adiantar que Santiago acollerá en 2023 o Campionato Europea de Loita Olímpica na categoría junior, o que suporá "un fito para a nosa cidade".

A edil de Deportes explicou que ambos campionatos desenvolveranse ao longo de sábado no Pavillón Municipal de Santa Isabel; o de Loita Libre Olímpica, Loita Feminina e Grecorromana en horario de 09:30 a 14:00 h; e o de Grappling-Gi masculino e femenino, de 15:30 a 20:30 horas. Na cita da mañá, participarán un total de 100 deportistas de entre 13 e 15 anos (escolar) e de 17 a 20 anos (júnior), procedentes de 14 clubs de toda Galicia. No caso do Grappling-Gi, acudirán ao torneo un total de 90 deportistas nas categorías escolar, cadete, júnior e sénior, de 7 clubs de toda Galicia.

Ademáis, o Colexio Galego de Árbitros e Xuíces aportará unha serie de novos valores do arbitraxe Galego á competición que se desenvolverá en tres tapices oficiais de 10 x 10 metros.

Próximos campionatos

A cita deste sábado constitúe o primeiro filtro para seleccionar os deportistas que acudirán aos campionatos de España representando a Galicia para este ano 2022. Así, no próximo mes de marzo Santiago será novamente a sede dos Campionatos de España U-15, U-17 e U23. Pola súa banda, a competición nacional Grappling-Gi, celebrarase en Sevilla a finais de febreiro. Ademais, a concelleira adiantou que Santiago acollerá a competición a nivel europeo o próximo ano 2023.

Compartir: