ALCALDÍA

Nace o Consello Municipal de Persoas Maiores, un órgano para impulsar o envellecemento activo e o diálogo cos poderes públicos

26/01/2022 O alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, presidiu esta mañá a sesión constitutiva do Consello Municipal de Persoas Maiores que servirá para garantir a participación activa deste colectivo na vida da cidade, mediante a formulación de propostas, consulta e colaboración coa administración local. O Consello conta polo momento con once vocais procedentes de entidades, asociacións e grupos políticos, pero está aberto a novos participantes.

Tras a constitución formal deste órgano, o rexedor salientou que se trata "dunha oportunidade estupenda de dar voz e protagonismo a unha parte moi importante da nosa sociedade". Ademais, Sánchez Bugallo recordou que "máis do 20% dos cidadáns de Santiago e do 30% en Galicia teñen máis de 65 anos", o que implica "mirar o tema do envellecemento dunha forma completamente diferente a como se facía hai 30 ou 40 anos", e facer que este sector da poboación sexa "activo e en certo sentido productivo para a sociedade".

O Concello de Santiago de Compostela aprobou no Pleno de 30 de Setembro de 2021 o Regulamento do Consello de Maiores de Santiago de Compostela, co obxectivo de impulsar iniciativas orientadas de cara a un envellecemento activo co fin de mellorar a vida das persoas.

Con esta intención nace esta nova iniciativa que, impulsada pola Plataforma de Pensionistas de Santiago de Compostela, busca crear un espazo para o exercicio da democracia activa e como canle de comunicación entre os maiores de 65 anos e a administración local, que posibilite a súa plena participación na vida cidadá, política, económica, social e cultural.

Poderán formar parte da Consello todas aquelas entidades que o soliciten xa que a participación é aberta. Polo momento, forman parte deste órgano como vocais as seguintes entidades: Plataforma de Pensionistas de Compostela, Asociación Compostela Solidaria, Asociación para a Loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER coruña), Fundación Down Compostela, Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA), UGT e os Grupos Políticos Compostela Aberta, Grupo Popular de Santiago, PSOE e BNG.

Funcións

Entre estas as funcións deste órgano destacan as de promover a realización de estudos sobre a situación das persoas maiores no municipio de Santiago, cuxos resultados sirvan de base para propostas de actuación; potenciar a participación das persoas maiores nos asuntos municipais; fomentar o asociacionismo e prestar apoio e a asistencia; propoñer a adopción de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificultan a integración real e efectiva da veciñanza maior; ou impulsar a colaboración e cooperación entre asociacións e entidades, públicas ou privadas, para que desenvolvan actuacións para a promoción das persoas maiores.

Compartir: