TURISMO

A Film Comission compostelá participa no Locations Trade Show de Santa Mónica

10/04/2007 A Santiago de Compostela Film Commission participará, entre os días 12 e 14 de abril, na feira Locations Trade Show en Santa Mónica (California), para promover á cidade ante máis de 3.400 localizadores e produtores do mundo.

A oficina profesional da Concellería de Turismo para a promoción, captación e asesoramento de producións audiovisuais en Compostela acude ao AFCI Locations Trade Show coa intención de "vender" a cidade como lugar idóneo para a realización de proxectos audiovisuais.

Con 22 anos de traxectoria, o AFCI Locations Trade Show é unha feira anual de localizacións, organizada pola Asociación Internacional de Film Commissioners (AFCI), á que acoden directores, produtores e localizadores de todo o mundo á busca de lugares nos que rodar as súas próximas producións.

Alí estará a Santiago de Compostela Film Commission, compartindo o stand 109 coa Donostia–San Sebastián Film Commission, para ofrecer as súas localizacións e servizos a máis de 3.400 profesionais, entre os que se atopan representantes dos estudos cinematográficos máis activos do planeta.

Os atractivos da capital galega inclúen non só o interese e variedade das súas localizacións, senón tamén as súas infraestruturas, a industria audiovisual local, unha política municipal comprometida co audiovisual e os servizos que brinda a propia SCFC.

De acordo con Francisco Candela, concelleiro de Turismo, esta oficina municipal de xestión e captación de rodaxes xestionada por Turismo de Santiago "dota á cidade dunha potente ferramenta de promoción como destino audiovisual e turístico".

Compartir: