MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Os Bombeiros estrean un novo vehículo para tarefas de extinción de incendios e salvamento

25/01/2022 A praza do Obradoiro acolleu esta mañá a presentación do novo vehículo do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento co que van contar dende hoxe os Bombeiros de Santiago. Ao acto asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños; e o xefe dos Bombeiros de Santiago, Manuel Sanmartín.

Durante o acto o alcalde destacou o compromiso do Concello para "garantir un servizo de Bombeiros ben dotado desde o punto de vista material". Ademais mostrouse ilusionado co "novo reto que supón a construción do novo parque comarcal" e confiado en que "se poidan reiniciar as obras en 2022, xa que se está a ultimar o convenio coa Xunta de Galicia e Deputación da Coruña".

Pola súa banda, o xefe dos Bombeiros, Manuel Sanmartín, explicou que se trata dun vehículo "moito máis moderno" que vén substituír un camión cuso de máis de 40 anos, e que conta cunha "tecnoloxía moito máis punteira que tamén permitirá incrementar o nivel de seguridade e de capacidade de carga".

Novo camión

O vehículo, que conta cunha autoescada automática MAGIRUS DLK 23-12 Vario CS montada sobre un chasis Mercedes ATEGO 1528F, será empregado polos Bombeiros de Santiago para tarefas de extinción de incendios e salvamento.

Trátase dun vehículo que dispón dunha base xiratoria sobre o chasis que permite o xiro horizontal completo da escada extensible, que pode acadar unha altura de 30 metros. No seu extremo vai instalada una cesta desmontable, apta para tres persoas e cunha capacidade de carga de ata 270 quilos.

Ademais, dispón dun avanzado sistema de estabilización e apoio, así como de control das manobras, necesario para levar a cabo este tipo de tarefas.

Compartir: