XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda o inicio do procedemento de imposición de penalidades por demora na obra de Concheiros

24/01/2022 O acordo, segundo indicou en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, "é compatible coa continuidade da obra". Este foi un dos asuntos adoptados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno na que tamén se aprobou o proxecto de pavimentación de viarios en varias parroquias do rural por importe de 118.000 euros.

A Xunta de Goberno acordou iniciar o procedemento de imposición de penalidades á UTE Concheiros 2 (Xestión Ambiental de Contratas, SL, e Construcciones y Servicios Orega, SL), contratista das obras definidas no proxecto denominado "Actuacións no Camiño Francés en Santiago de Compostela: remodelación da rúa Concheiros". Agora será preciso que o director facultativo, en tanto que responsable do contrato, realice o informe correspondente, que lle será comunicado á UTE contratista para que nun prazo de 10 días hábiles presente alegacións. "Unha vez presentada a contestación, emitirase un novo informe e en base a el ditarase a resolución que proceda", indicou Sánchez Bugallo que fixo fincapé en que este procedemento é "compatible coa continuidade da obra". "Hai dous escenarios posibles", abondou, "a rescisión do contrato e a continuidade. Nós apostamos pola continuidade, porque cremos que a rescisión sería enormemente prexudicial para os veciños, daría lugar á paralización da obra e a unha nova licitación". Polo tanto, continuou o alcade, "o menos negativo para os veciños e para todos é que a mesma empresa que está, que probablemente xa ten executado máis do 80%, complete a obra".

"Algo similar sucede coa obra da Ponte de Vidán", engadiu. Neste caso "convalídanse as actuacións realizadas, requírese a continuidade da obra e o seu remate o antes posible". O responsable do contrato deberá tamén emitir un informe no que de maneira xustificada analice os retrasos na execución do contrato respecto dos prazos totais e parciais para os efectos da determinación da posible apertura dun procedemento de imposición de penalidades.

Aprobación do proxecto da obra de pavimentación de viarios

A Xunta de Goberno aprobou nesta sesión o proxecto construtivo da obra de pavimentación de viarios secundarios en Verdía, Marantes, A Gracia, Marrozos, Sabugueira, Villestro, A Curuxeira e Aríns por orzamento total de 117.992,47 euros e un prazo de execución de 4 meses.

Este acordo comunicarase á Deputación Provincial da Coruña para o seu coñecemento e para os efectos de continuar coa tramitación da solicitude presentada ao abeiro do POS+ Adicional 2/2021.

En materia de acción social, acordouse, un ano máis, a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en virtude do cal se financian con 533.969,92 euros actividades da UMAD.

No ámbito das subvencións, á vista da liña subvencionable en materia de biorresiduos para as entidades municipais relativa a proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia) e unha vez constatado que se axusta perfectamente á política ambiental planificada polo Concello de Santiago, acórdase solicitar a axuda convocada ao abeiro da Orde 30 de novembro de 2021 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por un importe máximo subvencionable de 65.775,60 euros.

Licenzas

Neste apartado, concédese a PADELPRIX WORLDWIDE, S.L. licenza de obras de reforma de edificación en construción para a instalación de pistas de pádel na RÚA POLONIA. As actuacións consistirán en obras de acondicionamento de nave de planta baixa e altura de nove metros para instalación de seis pistas de pádel, vestiarios, aseos e aparcadoiro cunha superficie construída total de 1.817,80 m2 (1.775,77 m2 útiles) para o desenvolvemento da actividade deportiva de pádel.
Así mesmo, outóganse dúas licenzas en Mallou para construción dunha vivenda unifamiliar e para a implantación dun ascensor nun edificio.

Recursos

O executivo municipal tamén tomou nota das resolución do TACGal que inadmiten os recursos especiais en materia de contratación intepostos contra os pregos da licitación da "Xestión da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago de Compostela. Lote I: Animación sociocultural; Lote II: Bibliotecas; Lote III: Atención ao público (reservado a Centros Especias de Emprego D.A. 4ª LCSP); Lote IV: Novas tecnoloxías".

Compartir: