ACCION CULTURAL

Compostela lembra a figura do humanista Victoriano García Martí, coa colocación dunha placa no edificio onde viviu

22/01/2022 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e Fernando Bermejo Rubio, sobriño-neto de Victoriano García Martí, descubriron hoxe unha placa no edificio da rúa das Orfas, número 17, onde viviu este humanista, xornalista, ensaista, escritor, e "defensor de Galicia".

No acto de descubrimento da placa, organizado pola Asociación da Prensa de Santiago de Compostela, e o Concello de Santiago, tamén interviron o presidente da entidade, Luis Menéndez; e Arantxa Fuentes, coordinadora do libro "Por los caminos del siglo XX. Obra periodística olvidada 1914-1963, Victoriano García Martí"; editado polo Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos na colección Rescate. Esta obra recompila, a través de máis de 60 artigos e varias entrevistas, parte do legado deste pensador e europeísta, ata o de agora esquecido, que foi encarcerado polas súas ideas vangardistas.

Todos os presentes no acto coincidiron en que é necesario rescatar do esquecemento o legado e a figura de Victoriano García Martí, e destacaron, sobre todo, a súa reivindicación da identidade galega, e a súa contribución á modernización de Galicia.

Nesta homenaxe tamén estiveron presentes representantes dos distintos grupos municipais: José Antonio Constenla, polo PP; Marta Lois e María Rozas por Compostela Aberta; e Navia Castro, polo BNG; así como outros familiares de Victoriano García Martí.

Victoriano García Martí
Tal e como reza a biografía de Victoriano García Martí, incluida no libro "Por los caminos del siglo XX. Obra periodística olvidada 1914-1963, Victoriano García Martí"; foi un pensador europeísta e avanzado, xa que o feminismo attravesa toda a súa obra; e herdeiro dos fitos do Rexurdimento galego. Naceu na Pobra do Caramiñal, en 1881, e finou en Santiago de Compostela, en 1966.

O obxectivo tanto deste libro como da colocación da placa é rescatar a súa figura, esquecida pola historia da literatura e do pensamento. Amigo persoal de Valle-Inclán, voz reivindicativa do legado de Rosalía de Castro (en 1944 publica a primeira edición das súas Obras Completas), e pioneiro na defensa do turismo como fonte de riqueza cultural.

A reivindicación da identidade e a modernización de Galicia, na que a mellora, so chegará, segundo dicía, a través da "cultura e a economia"; é unha constante na súa carreira, do mesmo xeito que a súa visión de Santiago de Compostela como unha cidade literaria.

Compartir: