PLENO

O Pleno aproba o expediente de crédito de 75.000 euros para a posta en marcha dos Bonos Corazón San Pedro-Concheiros

22/01/2022 Nunha sesión extraordinaria celebrada esta mañá, o Pleno da Corporación deu luz verde ao expediente de crédito por importe de 75.000 euros para pór en marcha os "Bonos Corazón", o programa de bonos de consumo no comercio e hostalería, neste caso para o barrio de San Pedro-Concheiros.

Estes 75.000 euros facilitarán compras por valor de 187.500 euros e o seu funcionamento será igual ao da última convocatoria xeral dos Bonos Corazón abertos a toda a cidade.

Haberá, polo tanto, tres modalidades do bono: cun valor de 75 euros, cun valor de 50 euros, e cun valor de 30 euros. Os bonos estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante, que deberá achegar a contía de 45, 30 ou 18 euros, en función do bono que prefira

As rúas nas que se aplicarían, así como outros detalles, están consensuados coa asociación de comerciantes da zona e detallaranse na convocatoria que aprobará a Xunta de Goberno.

Previamente, o Pleno aprobou o expediente preciso para dar respaldo orzamentario ao programa. Contou co voto a favor do Grupo Municipal Socialista, Compostela Aberta e BNG e coa abstención do Grupo Popular.

Na súa intervención, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reiterou "o compromiso de sacar este programa de axudas" despois de que rematasen as obras, feito público nos "primeiros días de decembro, despois dunha reunión coa asociación de comerciantes.

A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, fixo fincapé en "que sen dúbida terá un efecto multiplicador na economía local, achegando recursos á cidadanía á vez que incentiva o consumo en sectores estratéxicos" para a cidade.

Compartir: