ACCIÓN CULTURAL

O Concello homenaxea a Carlos Maside cunha estatua no Paseo da Ferradura

23/01/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, inauguraron este domingo a peza realizada por Soledad Penalta que evoca un paseo do pintor Carlos Maside acompañado polos escritores Uxío Novoneyra e Manuel María pola Alameda compostelá. A súa localización será nas inmediacións da árbore dos namorados, no paseo dos Leóns. No acto tamén estiveron presentes, entre outros, a escultora; o presidente da Plataforma Carlos Maside, Xosé Ramón Fandiño; a voceira do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín; e a concelleira de CA Branca Novoneyra.

A escultura, realizada en aceiro cor-ten, cunha altura de 220 cm e un peso de 1950 quilos, está conformada por tres siluetas que representan aos poetas Manuel María e Uxío Novoneyra acompañando a Carlos Maside no seu paseo habitual pola Alameda. Para a súa creación a escultora Soledad Penalta inspirouse nunha foto do 1952 que retrata aos tres persoeiros da cultura galega no parque compostelán.

"Con esta iniciativa o Concello quere honrar a valiosa achega á cultura deste intelectual a Galicia e a Santiago", indicou o alcalde, que fixo un agradecemento especial á concelleira Mercedes Rosón, "polo empeño en levar adiante a iniciativa. Pola súa banda, a edila de Acción Cultural salientou a importancia da escultura que "celebra non só a Carlos Maside, senón tamén a Manuel María e Uxío Novoneyra".

Maside residiu e desenvolveu o seu labor creativo durante unha boa parte da súa vida na cidade de Santiago. Ademais estivo vinculado co galeguismo e foi un dos introdutores das vangardas artísticas en Galicia.

Na actualidade o Concello de Santiago expón de maneira permanente, no Pazo de Bendaña, a colección do Legado Maside, formada pola obra que o propio pintor foi gardando para si no seu estudo. Esta colección foi adquirida polo Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña en 2016.

Carlos Maside

Vinculado ás vangardas culturais galegas dos anos 20 e 30 do século XX, Carlos Maside abriu un estudio en Santiago en 1932 e mantivo unha fonda relación coa cidade durante toda a súa vida, reflectindo na súa obra mil e unha estampas e persoeiros daquela Compostela.

A súa vinculación co progresismo e a república levouno a padecer a represión e o ostracismo xerado polo golpe militar de 1936. Despois da Guerra Civil vive nun exilio interior sen apenas actividade pública e con moitas dificultades para sobrevivir co producto do seu traballo artístico. Con todo, mantivo abertas as canles de comunicación coa Galicia do exilio exterior (sobre todo con Luís Seoane) e serviu de ponte cos intelectuais das novas xeracións, como Uxío Novoneyra, Manuel María, Ventura Cores ou o seu sobriño, Xulio Maside.

Soledad Penalta

Soledad Penalta é unha artista recoñecida pola súa obra en aceiro ou ferro, como é o caso. Usa estes materiais esculpindo o propio espazo baleiro, arrancando del as formas que recoñecemos e dotándoas de certa monumentalidade e dun dinamismo que vén dado por eses xogos e contrastes entre o sólido e o baleiro. Hai varias pezas súas nos parques da cidade e é especialmente popular a súa intervención para a recuperar o antigo cruceiro de Conxo, hoxe na confluencia das rúas de Sánchez Freire e de García Prieto.

Compartir: