XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local adxudica o contrato para a prestación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria

18/01/2022 A Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe o contrato para a prestación do "Servizo de recollida de lixos e limpeza viaria do Concello de Santiago" por case dez anos, ata 2031; e por un importe de 95.870.482,02 euros. Este contrato está dividido en dous lotes que foron adxudicados ás entidades URBASER e COGAMI.

En concreto, o lote 1, para a recollida de residuos (salvo papel, cartón e vidro), limpeza viaria e subministración e mantemento de contedores, foi adxudicado á empresa URBASER S.A. por 91.312.595 euros. O lote dous, para recollida de papel e cartón, adxudicouse a COGAMI Reciclados de Galicia S.L., por 4.557.887,02 euros.

A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, lembrou que o contrato actualmente en vigor asinouse no 2005; "e polo tanto estamos falando de máis de 15 anos do servizo nos que a cidade mudou e a maquinaria quedou obsoleta". Tamén enumerou as "importantes novidades" que recolle, como a renovación de todos os contedores da cidade e do rural, novas ubicacións, maiores frecuencias de recollida e un sistema que permitirá controlar o enchido para evitar desbordamentos. Así mesmo, engadiu, "préstase unha especial atención á recollida de biorresiduos coa implantación dun quinto colector, o marrón".

O obxectivo deste novo contrato é optimizar os servizos que ata o momento se viñan prestando, de xeito, subliñou Mila Castro, "que se ofrecen maiores garantías en canto á calidade da prestación e satisfacción da veciñanza".

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou o cadro de prezos de Viaqua para o ano 2022.

Compartir: