TURISMO

Arranca mañá FITUR, onde o Concello de Santiago lanzará a candidatura do Carballo de Conxo para o título de Árbore Europea 2022 e a campaña "Santiago, Patrimonio Natural"

18/01/2022 A axenda de Santiago programada para FITUR (19 ao 23 de xaneiro), inclúe, ademais do lanzamento da candidatura do Carballo de Conxo á fase final do certame Árbore Europea 2022 e de recibir o premio que o acredita como Árbore Española deste ano, a presentación da campaña central "Santiago, Patrimonio Natural", que pretende dar visibilide aos espazos verdes da cidade como foco da atracción turística.

O Carballo de Conxo arrancará a súa singradura a nivel europeo co lanzamento oficial, o próximo 1 de febreiro, da campaña para facerse co título de Árbore Europea do ano 2022. A súa candidatura presentarase previamente en FITUR, co obxectivo de dar a coñecer "O Avó" entre o público español. Segundo explicou o rexedor, este acto será o punto de partida para acadar "o obxectivo marcado de chegar aos 100.000 votos e plantar 100.000 árbores de especies autóctonas" e permitirá dar visibilidade á candidatura e "atraer os votos doutras cidades españolas".

Trátase do seguinte paso tras impoñerse na fase nacional do concurso ás restantes candidatas españolas, un recoñecemento que o Concello de Santiago recibirá en FITUR, nun acto que contará coa presenza da presidenta de Bosques sen Fronteiras, Susana Domínguez, do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e do director general de Biodiversidad, Bosques y Desertificación do MITECO , Jorge Marquínez.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, tamén aproveitarán a súa presenza en FITUR para presentar a campaña "Santiago, Patrimonio Natural", que pretende dar a coñecer os espazos verdes da cidade como "excelente activo de atracción para peregrinos e turistas". O rexedor recordou que Santiago conta con "60 parques municipais cunha superficie de máis de 3 millóns de metros cadrados" e que xunto aos espazos da Xunta de Galicia e da USC, "abranguen unha área de 6 millóns de metros cadrados que supera catro veces os estándares marcados pola OMS".

Premios SICTED

No marco dos actos programados, o 20 de xaneiro celebrarase a XII Edición dos Premios SICTED na que se recoñecerá de forma pública a Santiago como segundo mellor destino turístico do ano 2021, "un enorme mérito e éxito", segundo valorou o alcalde, tendo en conta que "España é o terceiro destino turístico máis importante por detrás de Francia e Estados Unidos". Ademais, salientou que no 2021 "130 empresas compostelás acadaron o certificado de calidade turística otorgado por SICTED" fronte ás 37 coas que se arrancou no ano 2001.

O alcalde tamén informou de que dentro da axenda prevista para a FITUR se asinará un acordo entre RENFE, Incolsa e a Asociación Hostelería Compostela "para a promoción de Santiago como destino turístico a través dos ferrocarrís" e especialmente para aproveitar o potencial do AVE para a chegada de viaxeiros ás cidade.

Cidades Patrimonio

Como xa ven sendo habitual, Cidades Patrimonio tamén presentará a súa oferta en FITUR. O 21 de xaneiro terá lugar a Asemblea do Grupo e a presentación do Plan de Acción conxunto con Turespaña. Precisamente este organismo, sinalou o rexedor, "abrirá en Roma unha oficina dedicada ao Camiño de Santiago".

Compartir: