CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os Centros Socioculturais de Santiago lanzan a súa nova oferta de actividades para as aulas de xogo e de lectura para o primeiro semestre de 2022

18/01/2022 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, deu conta hoxe en rolda de prensa da programación da Biblioteca José Saramago e das Aulas de Xogo para o periodo xaneiro-xuño do 2022. Entre as actividades presentadas destaca o lanzamento da segunda edición da iniciativa "12 meses, 12 libros" para o fomento da lectura.

Segundo indicou o edil, "trátase dunha programación extensa e interesante" que amosa "a aposta do Concello polas aulas de xogo e de lectura como espazos de lecer e de valores". Ademais, Javier Fernández reiterou a súa "invitación á veciñanza para que se acheguen aos centros e participen" e quixo agradecer aos traballadores e traballadoras do departamento, o seu esforzo na planificación e o desenvolvemento.

Durante a rolda, o concelleiro presentou as accións para os próximos seis meses que se levarán a cabo na Biblioteca José Saramago, conformada polas catro aulas de lectura dos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Conxo e Santa Marta, que pretenden "atraer á lectura tanto a nenos como a adultos".

Biblioteca José Saramago

Unha das actividades estrela para este semestre será a celebración da segunda edición do propósito "12 meses, 12 libros", que pretende fomentar a lectura e o intercambio de recomendacións entre usuarios a partir dunha temática proposta cada mes que guiará a escolla do libro. Para unirse ao reto poderase recoller nas bibliotecas do CSC de Fontiñas, Santa Marta e Conxo, o pasaporte no que se irán selando cada unha das lecturas-

Por outra banda, coincidindo con diferentes efemérides en torno aos libros, animarase á participación activa da lectura e visitas en torno á vida é obra de autores como Castelao ou Rosalía de Castro. Ademais este ano, co gallo do día das Letras Galegas, as accións estarán centradas no escritor e activista político e cultural, Florencio Delgado Gurriarán, unha oportunidade para achegar ao gran público a súa figura e a súa labor pola cultura e política galega no exilio en México.

Ademais a biblioteca continuará co seu programa habitual de actividades que inclúe clubes de lectura, obradoiros de contos, ou campañas para o fomento dos libros dirixidas tanto a persoas maiores como a un público infantil/xuvenil. As persoas interesadas deberán consultar os días e horarios específicos en cada un dos centros.

Javier Fernández tamén recordou que na biblioteca José Saramago, cun fondo bibliográfico de preto de 50.000 volumes, "realízase unha importante labor de axuda ao estudo, ao fomento da lectura, ao intercambio, a creación e a atención dos diversos clubs de lectura, pero tamén se aposta polo uso das novas tecnoloxías e de todo o relacionado co mundo virtual e coas actividades en liña en torno os libros".

Aulas de Xogo

Con respecto ás aulas de xogo dos Centros Socioculturais de Vite, Conxo, Fontiñas, Castiñeiriño, Santa Marta e a Trisca, neste primeiro semestre de 2022, ofertaranse unha serie de actividades en torno a diversas temáticas e celebracións específicas como o Entroido, o Día da Felicidade, o Día do Libro, ou o Día da Bicicleta para que as cativas e os cativos poidan divertirse e aprender dunha forma lúdica nunha contorna de seguridade ao terse retomado as dinámicas pre-covid habituais.

As actividades semestrais específicas de cada aula preséntanse cos días e horarios en cada centro e nelas deben apuntarse os/as usuarios interesados/as.

Compartir: