CULTURA

O espírito do lume trasládase a Sar da man da ópera monumental "Aída"

10/04/2007 O 12 de maio, o Multiusos Fontes do Sar converterase en escenario da representación da ópera "Aída", de Giuseppe Verdi. Despois do paso de "Carmina Burana", chega a Compostela outro monumental espectáculo, que pretende satisfacer aos amantes da ópera, pero tamén atraer a un novo público non familiarizado con este xénero musical.

O director da orquestra, Walter Haupt, destacou na presentación do espectáculo a "particular posta en escena", que fuxe dos "excesos de decoración" e aposta por "proxeccións de gran valor estético e efectos no escenario a partir da utilización do lume". Este elemento, o lume xoga un papel fundamental na obra á hora de "reforzar a representación de Exipto". Ademais, salientou a calidade musical da representación.

Haupt convidou ao público compostelán a gozar dunha "experiencia artística de primeira clase". Da dimensión da posta en escena dan conta os 27.000 quilogramos de material empregados nun escenario de 26 metros de ancho por 23 de profundidade, unha pirámide de 4.300 quilogramos ou un vestiario con 200 traxes. 300 persoas participan nesta produción.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo expresou a súa "satisfacción" porque Santiago acolla este evento, "que pon en valor o Multiusos do Sar, hoxe convertido nun recinto cheo de actividades deportivas, culturais e de ocio". Destacou a "alta calidade musical" da representación, que contribuirá a "difundir o valor da ópera". A este valor tamén se referiu o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, ao prever que se achegarán a Sar a ver unha ópera "persoas que doutra maneira non o farían". Acompañáronos na presentación, celebrada na Fundación Caixa Galicia, o xerente do Multiusos, Santiago Cuadrado, e Patricia Maceira, en representación da Fundación.

"Aída" é unha ópera en catro actos e sete escenas, cuxa estrea tivera lugar o 24 de decembro de 1871 en O Cairo, cumprindo un encargo realizado a Giuseppe Verdi con motivo da inauguración do Canal de Suez. Walter Haupt dirixe para esta representación á Orquestra Filarmónica de Lemberg (Ucrania), que estará acompañada polo coro da capela académica "Dumka" (Ucrania) e polo grupo de Ballet do Teatro Ustí nad Labem (Chequia). Conta como solistas con Assia Davidov, Verónica Anjova, Ernesto Grisales, Krassimir Derilov, Nikolaj Nekrassov, Nikolaj Visnakov, Ramona Eremia e Ilia Popov.

Recentemente chegada de Abu Dhabi (Emiratos Árabes Unidos), esta representación está a percorrer diversos lugares do mundo. En maio chega a España, onde ademais de Santiago ten a Málaga e Madrid como destinos. As entradas, xa á venda, irán dos 40 aos 60 euros.

Compartir: