FESTAS

Os Reis Magos chegan a Santiago para recibir os nenos e nenas composteláns en Bonaval

05/01/2022 Este 5 de xaneiro foi, un ano máis. diferente para os Reis Magos, que tamén tiveron que cumprir coas restricións para a contención da pandemia. No canto de saudar os nenos na tradicional cabalgata polas rúas da cidade, as súas Maxestades de Oriente recibiron os cativos e cativas de Compostela na Igrexa de Bonaval. Tamén se achegou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños.

As condicións especiais deste ano que levaron á cancelación da cabalgata de Reis, non restaron maxia ao evento e os nenos e nenas da cidade achegáronse coa mesma ilusión a ver a Melchor, Gaspar e Baltasar.

Na Igrexa de Bonaval agardaban as súas Maxestades para recibir os agarimos e as peticións dos máis pequenos da casa. Os Reis Magos comezaron a recepción real ás 11.30 h e alongarana ata as 22.00 horas, cunha parada de 13.30 h a 16.00 h para xantar.

Este ano era preciso a reserva dunha entrada previa por hora para poder acceder á Igrexa, co obxectivo de controlar o aforo e facer máis fácil a localización dos asistentes en caso de detectarse algún brote.

Compartir: