ACCIÓN CULTURAL

A obra "Como agullas finas cravadas no pescozo" de María Caíña Hurtado, gañadora da cuarta edición dos Premios SELIC de creación literaria

21/12/2021 A obra de teatro "Como agullas finas cravadas no pescozo", de María Caíña Hurtado, é a gañadora da cuarta edición dos Premios SELIC de creación literaria, convocados polo Concello de Santiago. O accésit foi para a novela "Os acios tardegos", de Antonio Piñeiro Fernández. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, destacou a singularidade deste galardón, que ten como obxectivo enriquecer o patrimonio literario de Compostela en lingua galega.

A concelleira Mercedes Rosón, acompañada pola escritora Marilar Aleixandre, en representación do xurado, deron a coñecer o nome dos premiados que tamén estiveron presentes no acto. A contía do premio foi de 6.000 euros para a obra gañadora, "Como agullas finas cravadas no pescozo", e 1.500 euros para o accésit.

De "Como agullas finas cravadas no pescozo", o xurado salientou a "habelencia dramatúrxica na construción do argumento". A obra de María Caíña "logra que funcione de forma suxestiva a superposición de dúas dimensións temporais e a alusión metateatral". Ademais, a obra "trata con sutileza e intelixencia o tema da violencia contra as mulleres e as difíciles relación familiares".

"Os aciagos tardegos" destaca, segundo o xurado, por combinar con habilidade "a historia da elaboración dun códice miniado na Compostela do século XVI, coa dun investigador da época actual seducido pola idea de transformar o obxecto dos seus estudos nunha novela". A obra ten como pano de fondo "a traslatio dos restos do Apóstolo e as interpretacións da mesma".

Nesta edición o xurado estivo formado por José Ignacio Chao Castro, Inma López Silva, María Pilar Jiménez Aleixandre, Olalla Cociña Lozano e Francisco Xavier Senín Fernández, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado, en calidade de secretario, con voz e sen voto.

Na edición anterior, o gañador foi Gabriel Gómez, coa obra narrativa "Baleiro" e os accésits para "O novelo" de Oscar Senra e "Partida Salvada"de Fernando Epelde.

Biografías dos premiados

María Caíña Hurtado é lingüista de profesión. Cursou os estudos universitarios de Lingua e Literatura Españolas e Lusófonas na USC. Na actualidade escribe artigos para o xornal Nós Diario. Recibiu o segundo premio no V Concurso Literario Mazarelos pola obra "Dous gatos a discutir a autenticidade do rato", que foi publicada na antoloxía "De pedra a azulexo: obras premiadas no I, II,III,IV e V Concurso literario Mazarelos da Facultade de Filoloxía". Recentemente participou na antoloxía "Mafia, amiga", publicada por Leite Edicións.

Antonio Piñeiro Fernández é natural de Ribeira (1962) e exerce como profesor de Historia no ensino público. Desde 1990 ten no seu haber unha extensa lista de premios e distincións tanto en poesía como en narrativa. Conta con máis dunha veintena de obras publicadas e participou en numerosas obras colectivas, así como en diversas publicacións periódicas e especializadas. Desde o verán de 2004 mantén a iniciativa editorial independente e artesanal "Colección Bourel" artesanal e experimental.

Compartir: