POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O Concello e Cámara convocan a XXII edición do Premio Manuel Beiras

02/12/2021 Cada ano, nas semanas previas á entrega dos premios Manuel Beiras, desenvólvese unha campaña para lembrar a convocatoria, animar a que se presenten candidaturas e transmitir os obxectivos do premio. Neste 2021, as accións publicitarias xiran arredor do lema "Ti tes o poder" e buscan resaltar a capacidade do público consumidor para influír na escolla lingüística dos negocios, á vez que lles explica a estes que elixindo galego están dándolles valor estratéxico. Deron os detalles da campaña en rolda de prensa, o concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, e Xavier Freire Chico, membro da dirección da Cámara de Comercio.

Todos os items da campaña levan á web onde atopar as bases da convocatoria, información complementaria, vídeos e un histórico dos premios durante estes anos. O enderezo é www.premiosmanuelbeiras.gal.

"Mais todo isto non tería sentido sen candidaturas aos premios que o xurado poida avaliar. Como nos anos anteriores, calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas candidatas.", indicou o edil. Teñen de prazo ata o vindeiro 12 de decembro.

A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal ) que, ademais de incluír un autodiagnóstico contribúe á súa difusión pública, ou poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita. Como é habitual, a organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.

A convocatoria dese ano rematará co habitual acto de entrega dos premios ás empresas que o xurado elixa. Está previsto para o 20 de decembro no Teatro Principal, ás 20 h, espazo emblemático da cidade que "estreamos" como escenario dos premios na convocatoria aniversario. A gala estará conducida polo actor, guionista e monologuista Federico Pérez.

Premio Manuel Beiras
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio manteñen desde o ano 2000 un acordo de colaboración para convocar cada ano os Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación.

Ao longo das edicións anteriores galardoáronse empresas dos máis diversos sectores e tamén se recoñeceu a achega de persoas e entidades que contribuíron dalgún xeito á normalización da lingua no ámbito socioeconómico. Na edición 2019, os Premios chegaron ao Teatro Principal para celebrar o seu vixésimo aniversario cunha gala onde se fixo memoria dunha xa asentada traxectoria.

A convocatorio 2020 significou o inicio dunha etapa nova na que deben gañar presenza e recoñecemento social para, con ela, aumentar a valoración que o público poida outorgarlles ás empresas que o posúen o galardón.

"Tendo en conta a sociedade compostelá non só acepta senón mesmo demanda, e desde logo valora, que as empresas empreguen o galego na súa rotulación, na publicidade ou en calquera outra manifestación, comeza a ser necesario "subir o listón" para poñer o foco na calidade e na eficacia da comunicación realizada en galego. Consecuentemente creouse unha nova categoría para premiar as accións -globais ou puntuais- das empresas que destaquen pola súa innovación, orixinalidade, impacto etc., e que poden convertérense en exemplos para esa mellora que convén promover. Esta categoría, que entendemos como unha mirada ao futuro, con máis e mellor comunicación en galego por parte das empresas, substituíu a distinción especial que recoñeceu ao longo de vinte anos o compromiso de moitas persoas e entidades que foron pioneiras na incorporación da nosa lingua nos seus respectivos espazos", sinalou Prol.

Compartir: