ALCALDÍA

O alcalde e os veciños da Peregrina deron un repaso ás obras realizadas na parroquia

08/04/2007 Xosé A. Sánchez Bugallo realizou unha visita á parroquia da Peregrina para conversar cos veciños sobre as obras realizadas e en execución, que afectan ao saneamento, aos vieiros, ao centro sociocultural e ao parque infantil.

O encontro serviu para intercambiar pareceres entre o alcalde e os veciños sobre as necesidades da parroquia. Na actualidade, estanse a acometer obras de saneamento de augas fecais nos lugares de Pardaces e de Aradas, nas que o Concello investirá 149.998 euros. A actuación inclúe a canalización de 1.580 metros en tubería PVC, a instalación dun pozo de bombeo con dúas bombas de 2,2 KW e o impulso de augas residuais (401 m).

Tamén se realizaron diversas obras de reparación no Centro Sociocultural, cun investimento de 48.000 euros. En concreto, procedeuse á demolición da cuberta existente e á posterior colocación dunha nova, ao pintado exterior e interior do edificio e á construción dun local para unha oficina. Igualmente, revisouse e púxose a punto a instalación eléctrica.

Outra das actuacións previstas na parroquia é o reforzamento do pavimento no lugar de Bargo. As obras xa están en fase de licitación e custarán 117.497 euros. O vieiro, duns 700 metros, pavimentarase con aglomerado asfáltico en quente de 6 centímetros de espesor. Procederase ao desbroce e limpeza de cunetas e á sinalización viaria horizontal.

Entre as obras realizadas nos últimos meses tamén destaca o acondicionamento e a dotación de novo mobiliario para o parque infantil, no que se investiron 26.000 euros. Con anterioridade tamén se acometera a segunda fase do acondicionamento do campo da festa e a instalación dunha pista deportiva, cun custo de 130.400 euros.

Compartir: