CONSORCIO

Dobre entrega musical para o Xoves Santo

04/04/2007 O novo cuarteto de corda da Real Filharmonía de Galicia e La Grande Chapelle protagonizan unha nova xornada do Festival de Músicas Contemplativas. As igrexas das Orfas e das Ánimas acollerán, respectivamente, estes dous concertos o día de Xoves Santo.

O Cuarteto da Real Filarmonía de Galicia estréase precisamente con este Festival. Os seus catro principais de corda (James Dahlgren, concertino; Grigori Nedobora, principal de segundos violíns; Tilmann Kircher, viola principal e Plamen Velev, violoncello principal) únense para enriquecer o proxecto cultural da cidade de Santiago dunha forma diferente aos habituais concertos sinfónicos do Auditorio de Galicia.

A igrexa das Orfas será, a partir das 20:30 horas, o marco para a interpretación de "As sete últimas palabras de Cristo", peza fundamental de Haydn que evoca toda a súa espiritualidade. O sermón das Sete Palabras, que en Santiago celébrase na tarde do Venres Santo na igrexa das Ánimas, recorda as frases que Xesús pronunciou na Cruz durante a súa agonía no Gólgota e que son recollidas no Evanxeo. Haydn puxo música a cada unha delas e sumou unha introdución musical e un final, que recorda o terremoto que seguiu á morte de Cristo.

Logo, ás 22:30 horas, a "Salve Regina", de Antonio Yangüas, que fora mestre de capela da catedral de Santiago a comezos do século XVIII, volverá resoar na igrexa das Ánimas grazas ao grupo La Grande Chapelle.

Este conxunto musical, dirixido por Àngel Recasens, é xa unha referencia ineludible no panorama artístico español, e amplamente recoñecido pola súa nova visión do repertorio vocal hispano. Iniciou a súa empresa en 2005 a partir dos resultados da antiga Capela Príncipe de Viana, cunha grande vontade de recuperación do patrimonio musical español. Agora La Grande Chapelle chega a Compostela cun repertorio centrado no século XVIII con obras de Yangüas, Scarlatti e José de Nebra, o máis grande organista español da época.

Os integrantes de La Grande Chapelle tomaron o seu nome da famosa capela musical da Casa de Borgoña e a cuxa fronte estiveron mestres como N. Gombert, F. Rogier ou M. Romeu . En época do emperador Carlos V, era "a máis respectada e excelente capela da Cristiandade", segundo declaraba en 1551 o embaixador veneciano Cavalli . Como na súa época, o grupo está formada por avezados intérpretes procedentes de diferentes países europeos, o que lle configura un carácter heteroxéneo, selo distintivo do conxunto.

Igrexas das Orfas e das Ánimas

Melchor de Velasco deseñou a igrexa das Orfas, marcada pola súa sobriedade arquitectónica, a finais do século XVII, cunha soa nave, capela maior rectangular e cabeceira recta con sancristía a cada lado. Destaca o seu retablo maior, con imaxes do afamado escultor compostelán Xosé Gambino e que representan a San Xosé, San Francisco, o Apóstolo Santiago e a Asunción. No exterior álzase o campanario, obra de Fernando de Casas y Novoa no ano 1714, e que ten pequenas similitudes coa torre do reloxo da Catedral de Santiago.

O Consorcio acometeu obras neste templo nos anos 2002 e 2004. En concreto, fixéronse obras de limpeza na fachada, así como a restauración e restitución de pezas graníticas deterioradas pola contaminación e os axentes químicos e atmosféricos.

Pola súa parte, igrexa das Ánimas é o principal exemplo de neoclasicismo na cidade. Construída en 1784 a partires dos planos de Miguel Ferro Caaveiro, destaca a súa orixinal concepción cunha soa nave e con capelas comunicadas entre sí e que representan nove estacións do Vía Crucis. Estes retablos laterais foron creados por Manuel de Prado nos primeiros anos do século XIX e foron realizados en estuco de xeso sobre ladrillo, o que fai deles unha obra de grande orixinalidade e de carácter único en Compostela.

Segundo a historia popular, serían os propios veciños que asistían a misa os que servirían de modelo a Manuel de Prado para esculpir as diferentes figuras que decoran os retablos. Na fachada destacan as columnas de orde composta de grandes dimensións, elevadas sobre altos pedestais, que enmarcan un curioso relevo que representa as Almas no Purgatorio, espidas e rodeadas polo lume eterno.

O templo precisou obras de conservación e restauración nos anos 1995, 1999 e 2002. Ademais, no ano 2000 desenvolvéronse labores de mantemento das pinturas murais e, xa en 2005, restaurouse o órgano. No verán de 2006, o Consorcio asinou co Opificio delle Pietre Dure, de Florencia, un convenio de colaboración co que se iniciou un período de estudo sobre o estado de conservación dos retablos, algúns deles gravemente danados por un incendio.

Compartir: