TURISMO

Un novo voo a Málaga e a recuperación da conexión con París reforzan a presenza de Vueling en Lavacolla

04/04/2007 A compañía aérea de baixo custo Vueling presentou os seus plans para os vindeiros meses no aeroporto de Lavacolla. A partir do 18 de maio, Santiago recuperará a súa conexión con París, e seis días máis tarde, a cidade quedará conectada directamente tamén con Málaga.

O director de Desenvolvemento de Rutas de Vueling, Alfons Claver, presentou estas novidades nunha rolda de prensa na que tamén tomou parte o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que destacou a importancia da recuperación da rota parisina para a captación dos visitantes franceses, que viñeran minguando a súa presenza nos últimos anos en comparación con outras nacionalidades.

Lavacolla quedará conectada co aeroporto Charles de Gaulle grazas a catro vos semanais (luns, mércores, venres e domingo), que partirán de Santiago ás 18:45 horas. A volta dende a capital francesa producirase ás 21.15 horas. Recupérase así un itinerario que deixara de opean no mes de decembro por falta de slots da compañía en París. A apertura de Vueling dunha base de operacións no aeródromo galo permitiu obter máis dereitos de voo e reabrir a rota.

A aerolínea prevé superar os 40.000 pasaxeiros transportados no seu primeiro ano completo de operacións. Os billetes pódense comprar dende 30 euros por traxecto, todo incluído. Deste xeito, os composteláns poderán viaxar a París a través do aeroporto de referencia parisino, con conexións ferroviarias directas a Bruxelas, Lille, Rennes e Marsella, e cun doado acceso ao centro da cidade.

Málaga

A nova rota directa con Málaga arrincará o 24 de maio con tres voos semanais (martes, xoves e sábado). Os avións sairán de Santiago ás 18:45 horas e regresarán ás 20.50 horas. Tamén a partir de 30 euros por traxecto, os viaxeiros poderán desprazarse ata esta cidade andaluza, que á súa vez servirá como punto de relanzamento do turismo andaluz a Santiago. As previsións de Vueling son as de transportar uns 30.000 viaxeiros por ano grazas a esta rota.

Vueling cumprirá en vindeiras datas o seu primeiro aniversario en Santiago. Con máis de 165.000 pasaxeiros transportados dende o 13 de abril de 2006, a compañía converteuse nos últimos meses no segundo operador de Lavacolla. Entre as novidades introducidas pola aerolínea nos últimos meses destaca a posta a disposición dos usuarios da súa web en galego, a través da cal xa se realiza case a metade de reservas en Galicia, segundo indicou Alfons Claver.

Compartir: