CONSORCIO

A "Grande misa" de Stravinsky abre en San Martiño Pinario o Festival de Músicas Contemplativas

02/04/2007 Comeza o Festival de Músicas Contemplativas e faio con concerto de Gabriel Consort & Players na Igrexa de San Martiño Pinario. Interpretarán a "Grande Misa", de Stravinsky, e pezas de Monteverdi a partir das 22:30 horas do martes 3.

O grupo musical Gabrieli Consort & Players foi fundado por Paul MacCreesh hai xusto agora 25 anos e está considerado un dos grandes na interpretación da chamada "música histórica". Son moi recoñecidas as súas grabacións de obras mestras de Bach, como a "Paixón segundo San Mateo", gravada en 2003. O seu repertorio, centrado no Renacemento e no Barroco, chega a Santiago coa "Grande Misa", de Igor Stravinsky, e será posta en escena no impresionante marco da igrexa de San Martiño Pinario, de enormes dimensións e decorada cos retablos barrocos máis grandes da cidade, a maioría deseñados polo mesmo autor da fachada do Obradoiro, Fernando de Casas e Novoa.

Ademais de pasaxes da "Misa" de Stravinsky, Gabrieli cantará unha selección de motetes de Claudio Monteverdi. Os motetes son composicións vocais nacidas no século XIII e que foron creados para ser cantados nas igrexas a partires de textos sacados da Biblia.

O director de Gabrieli Consort & Players, Paul MacCreesh, que volve a Galicia logo de participar no Festival Mozart da Coruña, está considerado como un dos cen mellores directores musicais do mundo.

Igrexa de San Martiño Pinario

A igrexa de San Martiño Pinario forma parte do convento do mesmo nome. Fundado no século X como cenobio benedictino, hoxé funciona como Seminario Maior da Arquidiócese de Santiago e ademais alberga unha residencia universitaria e a Facultade de Traballo Social. O conxunto monumental é de enormes dimensións e está considerado como o segundo mosteiro máis grande de España logo de El Escorial.

O templo data do século XVI e foi concibido por Mateo López como igrexa de grandes dimensións, con bóveda de canón e cúpula de media laranxa no cruceiro. Posúe unha fachada-retablo decorada con estatuas de santos e profetas e coroada por un frontón no que se representa a San Martiño de Tours no acto de compartir a súa capa cun mendigo. Á igrexa accedese por unha suxestiva escaleira, de influencia italiana, cunha estrutura oval e cunha rampla de subida outra de baixada. No seu interior destacan os retablos maiores, dourados e de grandes proporcións, cumios do barroco compostelán.

Intervención do Consorcio

O Consorcio fixo traballos de recuperación no edificio en 1999 e 2001. Posteriormente, no 2003, realizáronse actuacións de mantemento, coa substitución de baixantes de augas pluviais e canalóns, reposición de gardacanos e limpeza da pedra da fachada. Estes traballos continuaron en 2004 e 2005, coa reparación da cuberta e coa limpeza de liques e musgos.

Compartir: