PARQUES E XARDÍNS

A Praza da Muíña contará con novas áreas deportivas e de xogo

02/04/2007 A Concellería de Parques e Xardíns acometerá obras de acondicionamento na Praza da Muíña (San Lázaro), co fin de dotalas de novas áreas de lecer. Investiranse 150.835 euros nunhas obras que abranguen un ámbito de actuación de 2.000 metros cadrados.

Nesta praza romboidal, situada no centro do barrio e onde está o centro sociocultural, construirase unha pista deportiva e outra de xogos infantís. Unha vez que se liciten as obras, o prazo de execución será de dous meses e estarán listas antes do mes de agosto.

Elementos de xogo

O Goberno local tamén adxudicou a instalación de elementos de xogos infantís en catro centros educativos da cidade: CEIP Lamas de Abade (25.890 euros), CEIP Roxos-Villestro (27.315), CEIP Rodríguez Xixirei (26.850) e Vite I (29.984).

Ademais, aprobouse o orzamento e iniciouse o procedemento de contratación do subministro de mobiliario para o parque Carlos Magnum de Fontiñas (29.160 euros), e de xardineiras metálicas para a Rúa Xeneral Pardiñas.

Iluminación

En materia de iluminación, a Xunta de Goberno adxudicou as obras de ampliación da iluminación na Praza de Galicia, por un importe de 10.750 euros, así como as de instalación de alumeado público en Marrociños, A Susana, Ardagán, Sixto, Gamás e outros lugares da parroquia de Marrozos. Nesta actuación investiranse 29.618 euros.

Compartir: