URBANISMO

Iníciase o procedemento de expropiación da Muíña

02/04/2007 Co visto bo do Goberno local, iníciase o procedemento de expropiación do solo urbanizable non programado número 5 (SUNP-5) da Muíña. Tramitarase polo sistema de taxación conxunta, segundo o proxecto presentado pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa), e suporá un gasto de máis de oito millóns de euros.

Unha vez completado o proceso de expropiación poderá comezar a desenvolverse este polígono destinado a vivenda protexida. Este solo ten unha superficie total de 75.480 metros cadrados e neles construirase un máximo de 415 vivendas, a razón de 55 vivendas por hectárea. Destinaranse 17.173 metros cadrados a novo viario público e 29.459 a dotacións, equipamentos e zonas verdes.

Rúa do Olvido

Entre os acordos en materia de Urbanismo destaca tamén ratificación do convenio urbanístico para a obtención da zona verde V-31 do Plan Especial da Cidade Histórica, na Rúa do Olvido. En virtude deste acordo fixérase unha permuta de terreos entre o Concello e Santiago Sur. Deste xeito quedaron a disposición municipal dous predios, nas marxe leste da rúa do Olvido, cunha superficie total de 1.673 metros cadrados.

O Concello xa presentou o anteproxecto de urbanización da Praza do Olvido e do seu contorno. Esta actuación recuperará esta zona para o uso público, cunha nova zona verde e unha praza que desembocará na rúa do Olvido. Ademais, contémplase a construción dun aparcadoiro soterrado, destinado preferentemente aos residentes.

Compartir: