CONSORCIO

Compostela prepárase para acoller o Festival de Músicas Contemplativas

30/03/2007 Santiago de Compostela entre o 3 e o 7 de abril a segunda edición do Festival de Músicas Contemplativas, un proxecto organizado polo Consorcio de Santiago e promocionado dende Turismo de Santiago co obxecto de aunar arquitectura e música en relación co patrimonio restaurado e rehabilitado polo propio Consorcio.

A través desta nova oferta musical preténdese ampliar a oferta cultural de Santiago durante a época de Semana Santa e captar a atención de visitantes e veciños da cidade. Non se trata só dunha política de recuperación física do patrimonio arquitectónico, senón de poñer en valor o seu legado cultural.

O Festival de Músicas Contemplativas desenvolverase nas igrexas de San Martiño Pinario, Universidade, Orfas, Ánimas, San Fiz de Solovio, Mercedarias, Orde Terceira de San Francisco e Santo Agostiño. En cada unha delas actuarán, respectivamente, Gabrieli Consort & Players, Ikhwan Al-hadra, Cuarteto da Real Filharmonía de Galicia, La Grande Chapelle, Ensemble Organum, Ex Cathedra Consort & Continuo, Choir and Studio for Spiritual Music Melódi e Hespèrion XXI. Estes grupos proveñen de puntos tan distantes como Túnez, Francia, Reino Unido ou Belgrado.

Diferentes estilos musicais

Esta nova cita cultural nace como unha iniciativa estreitamente vencellada á Semana Santa, unha época de meditación que se vive con especial significación en Santiago de Compostela. A partir desta idea xorde un festival unido ás igrexas, pero no que os grandes protagonistas serán os diferentes estilos musicais, relacionados coa diferentes relixións e tradicións.

Unha selección de música diversa que fai un percorrido polas obras mestras do Barroco e do Renacemento, a tradición espiritual magrebí, a relixiosidade de Haydn, a interpretación coral, a música medieval ou os repertorios de cantos bizantinos, serbios e rusos. Historia, cultura, música e patrimonio danse a man na Semana Santa xerando unha oferta que se complementa coas tradicionais procesións, impulsadas ano tras ano pola Xunta de Confrarías de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: