PLENO

A familia de Eugenio Granell doa a obra e a biblioteca do artista á súa Fundación

29/03/2007 O Pleno da Corporación prestou a conformidade unánime á cesión por parte da viuva de Eugenio Granell e da súa familia da obra e biblioteca do artista á Fundación Granell. Deste xeito, ceden á entidade situada no Toural a obra actualmente en depósito na mesma, a que se atopa en Madrid e tamén a biblioteca particular.

O alcalde e os voceiros dos grupos municipais agradeceron á familia de Eugenio Granell esta cesión, composta por unhas 2.400 obras pictóricas e uns 8.000 libros. Así, a proposta sometida ao Pleno fala da "súa xenerosidade coa cidade de Santiago de Compostela e co conxunto da sociedade ao poñer a disposición de todos mediante a súa cesión á Fundación Eugenio Granell a obra deste grande artista, actuando de xeito absolutamente desinteresado dende o punto de vista material".

Ademais, ratificáronse os compromisos que asume o Concello por esta doazón. Así, manterase a cesión do espazo na súa sé actual e ampliarase a fin de ubicar a biblioteca e a nova obra. Segundo indicou o alcalde e unha vez realizado o traslado de Emuvissa a Sar, as instalacións actuais poderían servir para este fin.

O Concello tamén se compromete a facilitar o traslado e ubicación da Fundación, se custo algún, no caso de producirse. Finalmente, manterase o compromiso de financiamento da Fundación Granell incluíndo as novas necesidades.

Compartir: