URBANISMO

O 5 de outubro finaliza o prazo para presentarse ao proxecto de acondicionamento exterior do castelo da Rocha Forte

24/09/2021 O próximo 5 de outubro, ás 23:59 h. finaliza o prazo para presentarse ao proxecto de acondicionamento exterior do castelo da Rocha Forte. O concello de Santiago de Compostela sacou a concurso a licitación das obras, a través dun procedemento aberto simplificado, por importe de 292.168 euros; e un prazo de execución de 3 meses.

Os traballos forman parte do programa EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), cofinanciado con fondos europeos FEDER. Toda a información está dispoñible na plataforma de contratación do sector público. A operación de acondicionamento exterior está centrada na contorna do castelo e forma parte dun programa máis amplo que tamén inclúe o acondicionamento dos espazos interiores, obra xa executada no pasado ano.

O obxectivo deste proxecto de acondicionamento exterior é establecer as medidas necesarias para encaixar na paisaxe os restos da fortaleza. O proxecto de obra contempla:
- Realizar un aparcamento para visitantes e a veciñanza na rúa dos Churruchaos.
- Un acceso peonil dende o aparcamento e, polo tanto, dende o propio núcleo da Rocha Vella ata o castelo.
- Limpeza e recuperación de elementos etnográficos: camiños, peches de leiras tradicionais, etc.
- Ordenar a capa vexetal e establecer sistemas de drenaxe para as zonas asolagadas de auga.
- Construción dunha atalaia miradoiro que permita a contemplación do castelo e da súa contorna.

Nesta operación EDUSI estase a traballar dende finais de 2019, ano en que foi realizada unha prospección xeofísica, seguida de dúas campañas de escavación arqueolóxica (2020) que sacaron á luz restos dunha terceira muralla con torre semicircular e dous fosos. As obras de acondicionamento exterior, agora en proceso de licitación, serán executadas segundo un proxecto redactado polo estudio de arquitectura Redondo, Valladares y Rodríguez, SLP (rvr) e contarán con control e seguimento arqueolóxico.

O castelo da Rocha Forte foi levantado cara a mediados do século XIII, polo arcebispo Xoán Arias. Porén, non se pode descartar que, con anterioridade, xa estivese en pe a torre da homenaxe, de posible orixe románico. O castelo ten estrutura simétrica, con planta cuadrangular, tres murallas defensivas concéntricas e unha torre da homenaxe situada no centro. A terceira muralla contaba cun foxo polo exterior que, segundo algunhas fontes documentais e recentes investigacións arqueolóxicas, podería conter auga.

Rocha Forte era unha das residencias dos arcebispos de Santiago, ademais de posto de control militar e fiscal ao sur da cidade. Esta fortificación sufriu varios asedios, ao longo de algo máis de 200 anos, no contexto das loitas que mantiñan a burguesía e a nobreza laica contra o poder arcebispal. Finalmente o castelo será destruído, na segunda metade do século XV, como consecuencia dunha revolta irmandiña.

Agora, con este novo proxecto de acondicionamento exterior avanzamos un paso máis na recuperación e revalorización desta singular fortaleza medieval que, durante séculos, ven acompañando á cidade de Santiago no seu devagar pola historia compostelá.

Compartir: