IGUALDADE

Intervención artística "Cuestión de Xénero", de Luz Darriba, para dicir NON + TRATA, mañá na Alameda

24/09/2021 Mañá, 25 de setembro, terá lugar na Alameda de Santiago, a intervención artística "Cuestión de Xénero", no marco da semana "Trátase de NON + TRATA", que se desenvolve entre o 23 e o 30 de setembro, organizada pola Rede de artistas, docentes e ativistas feministas e abolicionistas da Arxentina, con motivo da conmemoración do "Día Internacional contra o Tráfico de mulleres e nenas para a súa explotación sexual", instaurado pola UNESCO todos os 23 de setembro.

"Cuestión de Xénero", que se desenvolverá entre as 09:00 h. e as 19:00h, é unha performance da artista Luz Darriba, na que colabora o concello de Santiago. Con este proxecto pechou o "Primeiro Congreso Latinoamericano sobre Trata e Tráfico de persoas, organizado en 2008 pola Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Bos Aires". A obra consistiu en rodear a emblemática Praza de Maio con 500 prendas de roupa femininas penduradas dos farois, como demanda e homenaxe ás mulleres e as nenas desaparecidas polas mafias baixo o delicto de explotación sexual. Agora, esta iniciativa levarase a cabo na Alameda compostelá

A proposta de Luz Darriba, transmitida en directo a través de Internet, quere simbolizar a suma de forzas e a capacidade das mulleres para tender pontes contra a Trata, rendendo homenaxe ás vítimas deste terríbel delito e esixindo xustiza e a aparición inmediata das rapazas captadas polas redes mafiosas. Darriba recorda que o Estado español é o principal receptor de mulleres «tratadas» procedentes da América Latina e salienta que a súa intervención busca repudiar o accionar da maquinaria e a industria prostituínte que se cobra a vida de mulleres, persoas trans, nenas e nenos no mundo enteiro. Sen clientes non hai Trata, sen trata non hai prostitución, xa que perto do 80% das mulleres prostituídas proveñen da Trata.

"Trátase de NON + TRATA"
Esta intervención forma parte da semana "Trátase de NON + TRATA" que, a partir da performance realizada polo colectivo As Bolboretas AUGe na Arxentina, se foi estendendo a outros países como Chile, México, Colombia, Perú, Brasil, Italia ou España, propondo unha semana de reflexión e difusión de actividades nacionais e internacionais ligadas con accións artísticas, culturais, informativas, pedagóxicas e de análise e debate arredor do problema da Trata e do Tráfico de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

Compartir: