AUDITORIO

Os catro cordas principais da Real Filharmonía de Galicia únense para participar no Festival de Músicas Contemplativas

29/03/2007 Logo de 11 anos, a Real Filharmonía de Galicia preséntase coma un proxecto consolidado dentro do panorama musical español. Neste sentido, os seus catro principais de corda (James Dahlgren, concertino; Grigori Nedobora, principal de segundos violíns; Tilmann Kircher, viola principal e Plamen Velev, violoncello principal) únense formando un Cuarteto de Cámara para participar no Festival de Músicas Contemplativas que acolle a Semana Santa en Compostela. Deste xeito, este Cuarteto da Real Filharmonía de Galicia, vén sumarse ao proxecto cultural da cidade de Santiago, nunha iniciativa que aúna arquitectura e música, patrimonio espiritual e artístico. A cita musical é o xoves 5 de abril, ás 20:30 horas, na igrexa das Orfas.

A capacidade e a singularidade artística e técnica de todos os músicos da Filharmonía teñen, neste cuarteto, a expresión distinguida e versátil do seu camiño cara a unha maior presenza en Compostela, presentando, como hoxe, proxectos de música de cámara.

O programa contará coa voz de Santiago Fernández, que actuará como narrador desta obra de Haydn, profunda e cargada dunha forte relixiosidade. Foi composta por encargo do coengo de Cádiz, Don José Sáenz de Santamaría. Haydn compón unha obra fermosa, evocadora das últimas frases de Cristo na Cruz, que acompañaban a cada unha das reflexións que facía o bispo na tarde do Venres Santo. Como resultado Haydn elabora unha peza de misticismo evidente, que favorece o acougo espiritual. Ás palabras de Cristo na cruz, une Haydn unha introdución e unha parte final, que fai alusión ao "terremoto", en alusión o tremor de terra que seguiu á morte de Cristo, creando así un conxunto completo.

O Festival de Músicas Contemplativas desenvolverase do 3 ao 7 de abril nas igrexas da Universidade, Orfas, Ánimas, San Fiz de Solovio, Mercedarias, Orde Terceira de San Francisco e Santo Agostiño. En cada unha delas actuarán, respectivamente, Gabrieli Consort & Players, Ikhwan Al-hadra, Cuarteto da Real Filharmonía de Galicia, La Grande Chapelle, Ensemble Organum, Ex Cathedra Consort & Continuo, Choir and Studio for Spiritual Music Melódi e Hespèrion XXI. Estes grupos proveñen de puntos tan distantes como Túnez, Francia, Reino Unido ou Belgrado.

Igrexa das Orfas

Melchor de Velasco deseñou este templo, marcado pola súa sobriedade arquitectónica, a finais do século XVII cunha soa nave, capela maior rectangular e cabeceira recta con sancristía a cada lado. Destaca o seu retablo maior, con imaxes do afamado escultor compostelán Xosé Gambino e que representan a San Xosé, San Francisco, o Apóstolo Santiago e a Asunción.

No exterior álzase o campanario, obra de Fernando de Casas y Novoa no ano 1714, e que ten pequenas similitudes coa torre do Reloxo da Catedral de Santiago. A igrexa das Orfas precisou de diferentes obras de restauración para favorecer a súa conservación, traballos que foron acometidos polo Consorcio de Santiago nos anos 2002 e 2004. En concreto, fixéronse obras de limpeza na fachada, así como a restauración e restitución de pezas graníticas deterioradas pola contaminación e os axentes químicos e atmosféricos.

Compartir: