POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello concede 1.310 bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares

21/09/2021 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, deu conta en rolda de prensa da resolución da convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares, que aprobou o venres a Xunta de Goberno. Nesta convocatoria, dotada con 651.000 euros, xestionáronse 739 expedientes. En total, concedéronse 1.310 bolsas nas súas diferentes modalidades.

Mila Castro comezou a súa intervención agradecendo o traballo e a rapidez dos traballadores e traballadoras do Departamento de Políticas Sociais. Neste sentido, lembrou que "en anos anteriores ata novembro non se tiña" aprobada a resolución, que neste curso recibiu o visto bo da Xunta de Goberno o día 17 de setembro. Xunto á concelleira, estiveron na rolda de prensa a xefa de servizo de Servizos Sociais, Teresa Furelos, e o técnico de xestión de Servizos Sociais, Javier Maroño.

Esta convocatoria contempla bolsas para familias con escaseza de recursos, que poden optar a bolsas de comedor, ata un máximo de 90 €/mes (durante 10 meses); para a realización de actividades extraescolares, ata 15 €/mes (para o caso de actividades dunha hora ou día á semana), e ata 30 €/mes para o caso de dúas horas ou días á semana ou máis, salvo que o importe sexa inferior a ditas contías; e para adquisición de material escolar, ata un máximo de 60 € nun pago único. Tamén existen bolsas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, neste caso para sufragar os gastos de comedor, por importe de 45€/mes (10 meses).

Para este curso 2021-2022 xestionáronse un total de 739 expedientes, "moitos dos cales inclúen varias solicitudes", indicou a concelleira, que xeraron un total de 1.310 bolsas concedidas. A partida destinada en 2021 para todas as bolsas foi de 651.000 euros, "31.000 máis que en 2020".

Na modalidade de escaseza de recursos, houbo un total de 557 bolsas de comedor escolar; 396 para actividades extraescolares; e 141 para material escolar. Mila Castro salientou que nesta modalidade "non temos lista de agarda, polo que non quedou ningún neno ou nena sen bolsa". No que respecta á modalidade de conciliación, concéderonse o tope das axudas previstas, 100, e configurouse unha lista de agarda de 26 solicitudes.

Xustificación
Unha vez resolta a convocatoria, "o máis importante é non esquecer os períodos de xustificación", lembrou Javier Maroño. Para o material escolar, cuxa xustificación teñen que realizar as familias presentando os resgardos das compras, remata o 15 de novembro; no caso das actividades extraescolares e das bolsas de comedor son as entidades colaboradoras as encargadas do trámite, non a persoa beneficiaria, e deben realizarse nos 10 días naturais seguintes ao mes que teñen que xustificar. "En decembro, o último día sería o 22", apuntou.

Acordo de coorganización entre o Concello e a Federación de ANPAS de Santiago
A concelleira de Políticas Sociais tamén quixo salientar que, como novidade este ano, relizouse un acordo coa Federación de ANPAS de Santiago, vixente ata xuño de 2022, en vitude do cal ambas entidades colaboraron na tramitación das bolsas para as actividades extraescolares nos trece centros de ensino público de Santiago (Pío XII, López Ferreiro, Raíña Fabiola, Vite, Monte dos Postes, Apóstolo Santiago, As Fontiñas, Ramón Cabanillas, Lamas de Abade, Cardeal Quiroga Palacios, Mestre Rodríguez Xixirei, Arquitecto Casas Novoa e Roxos).

Tamén por primeira vez, este ano a presentación das socilitudes realizouse por sede electrónica e simplificáronse os trámites de xestión para as persoas solicitantes, así como a metodoloxía da xustificación. Todos eses pasos, xunto co "gran traballo do departamento" permitiu unha axilización dos tempos, abundou Castro.

Documentos relacionados



Compartir: