EDUCACIÓN

A ludoteca María Miramontes, que comeza a funcionar en outubro, organiza a partir de mañá varias xornadas de portas abertas

21/09/2021 O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, situado no barrio das Fontiñas, bota a andar no mes de outubro, cun espazo axeitado para o xogo e cunha programación pensada para favorecer a conciliación familiar e o desenvolvemento psicomotor, cognitivo, crítico, creativo e afectivo dos nenos e nenas. Todas as actividades e servizos ofertados son de balde.

Anunciouno hoxe o concelleiro de Educación, Rubén Prol, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado de Alberto Escudero, director-coordinador da ludoteca; Xesús Vilas, director da Escola de tempo libre Don Bosco, entidade adxudicataria do servizo; e de Beatriz Varela, técnica responsable do departamento de Educación.

Antes de que comece a funcionar o servizo, está previsto a realización dunhas xornadas de portas abertas. Comezarán mañá, día 22 e prolongaranse ata o 28 de setembro, excepto o domingo, día 26. Serán en horario de 09:30 h. a 13:30 h. e de 16:00 h. a 20:00 h.

Para poder participar nestas xornadas de portas abertas é preciso cita previa. As persoas e/oufamilias interesadas deben cubrir o formulario de reserva que poden atopar na páxina web www.espazolecermariamiramontes.santiagodecompostela.gal

A visita, que cumpre con todas as garantías sanitarias, terá unha duración máxima de 45 minutos, en grupos de máximo de 15 persoas. Os participantes poderán coñecer as instalacións, o persoal do centro, a programación prevista, destinatarios, requisitos de participación, etc.

Programación e horarios
A programación e servizos da ludoteca está dirixida a menores empadroados ou matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago. Contará cunha bebeteca, para bebes de 2 a 3 anos; unha pequeteca para a cativada de 4 a 6 anos; e unha maiorteca, para os nenos e nenas de 7 a 12 anos.

Entre as actividades coas que contará, figura Teatro Miramontes, no que se fomentará o traballo en equipo e se traballará coas emocións; O baúl de María, un espazo de préstamo de xoguetes; Irmandades do conto, co obxectivo de fomentar a lectura, ou un LudoXornal, unha revista propia creada polos nenos e nenas usuarios da ludoteca.

Tamén destaca o programa R2Ludos, co que se pretende achegar a ciencia á cativada; e O medio é noso, co que se traballará a importancia da reciclaxe. Outro dos servizos ofrecidos é VacaLudos, co que se pretende ocupar de xeito activo o tempo de lecer das crianzas en períodos non lectivos.

A ludoteca funcionará todos os meses do ano: no periodo lectivo de luns a sábado en horario de mañá e tarde (de 10:30 h. a 13:30 h. e de 16:00 h. a 20:00 h.); e no periodo non lectivo de luns a venres (de 07:45 h. a 15:00 h.) Os domingos e festivos permanecerá pechada.

Toda esta programación, así como os horarios, poden consultarse en www.espazolecermariamiramontes.santiagodecompostela.gal.

Reservas
As familias que desexen facer uso da ludoteca María Miramontes deberán darse de alta, cubrindo un formulario de solicitude, que deberá actualizarse anualmente. O formulario poderá descargarse da web municipal www.santiagodecompostela.gal ou da páxina da ludoteca www.espazolecermariamiramontes.santiagodecompostela.gal. Unha vez dadas de alta, recibirá unha confirmación por parte do concello para inscribirse nas actividades do centro. A continuación estableceranse as quendas das actividades, que lle serán confirmadas ás familias.

Na inscrición primaranse aspectos como a conciliacion, e establecerase un sistema de rotación para que participen o maior número de nenos. Os sábados a ludoteca funcionará de forma aberta. Haberá que cubrir un formulario de participación, pero non será preciso estar inscritos.

Os venres pola mañá, segundo explicou Beatriz Varela, primarase un formato de visitas dos centros educativos, cun trámite de reserva diferenciado.

As instalacións teñen unha capacidade máxima de 73 prazas en presenza simultánea, pero en situación COVID son 50 prazas.

Obxectivos
O espazo educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) está ubicada na Rúa Fontes do Sar, núm. 3, en Santiago de Compostela. Conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas.

Este equipamento educativo e lúdico toma o seu nome de María de los Dolores Miramontes Matos (6 de abril do 1895 Bergondo, A Coruña), activista e intelectual rexionalista galega. Unha muller que destacou polo seu activismo político defendendo, entre outras cousas, o Estatuto de Autonomía de Galicia do 36, a presenza da muller na política e a promoción da lingua galega.

A ludoteca bota a andar cos seguintes obxectivos:

Ofrecer un espazo axeitado para o xogo, favorecedor do desenvolvemento psicomotor, cognitivo, crítico, creativo e afectivo do neno/a.

Traballar na creación dunha nova concepción do xoguete, ampliando a exclusividade do xoguete comercializado.

Favorecer unha relación distinta co obxecto lúdico, a través da manipulación, recreando o seu uso, a través dun proceso globalizador de invención, construción, reparación e transformación.

Fomentar todo tipo de iniciativas e actividades arredor da promoción do libro e da animación á lectura.

Colaborar moi especialmente na promoción da lingua galega, do xogo popular e tradicional, da animación á lectura e na recuperación de xogos e xoguetes que teñan que ver co noso acervo cultural propio.

Facilitar a conciliación familiar.

Compartir: