EDUCACIÓN

Máis de douscentos sesenta alumnos de primaria participaron no Programa de educación pola mobilidade nas escolas

29/03/2007 O venres 30 de marzo terá lugar a última sesión do Programa de educación pola mobilidade nas escolas, que se ven desenvolvendo dende o 26 de febreiro ata o 30 de marzo nos centros escolares de Santiago de Compostela. Nesta primeira edición destinouse ao alumnado de 4º de Educación Primaria. Un total de 262 alumnos de once centros educativos participaron nesta proposta.

Os alumnos do Colexio Divino Mestre serán os encargados da última sesión dunha actividade posta en marcha, como resultado da colaboración entre a Fundación Real Automóbil Club (RACC) e a Concellaría de Educación e Mocidade,para o fomento de programas de educación viaria escolar no municipio de Santiago de Compostela. Á súa vez forma parte do Programa municipal de educación viaria e na autoprotección "¿Onde está o perigo?". Entre outras actividades, inclúense as visitas didácticas ás instalacións da Policía Local e do Parque de Bombeiros, e as sesións de educación viaria no Parque Infantil de Tráfico.

Os seus obxectivos son desenvolver na escola hábitos de seguridade viaria e actitudes cívicas; ensinar a escolares as normas básicas dun correcto comportamento viario e amosar os puntos conflitivos do tráfico nos arredores do centro escolar, permitindo reflexionar sobre a mobilidade actual

O programa facilita que os centros educativos realicen actividades de educación viaria, co asesoramento técnico, práctico e psicolóxico necesario para a aplicación de programas de prevención de accidentes de tráfico. Igualmente foméntase dende a infancia as actitudes e valores necesarios para o bo comportamento das persoas que circulan a pé ou como condutoras.

O programa de Educación pola mobilidade nas escolas, estruturouse en tres sesións: unha co persoal educador da Fundación RACC trasládase á escola para compartir co profesorado e co alumnado unha sesión de traballo; outra co grupo-clase que traballa baixo as directrices do seu profesorado; e unha terceira na que o persoal educador da primeira sesión realiza unha actividade de reflexión sobre o traballo realizado e outras actividades de carácter lúdico.

Compartir: