EDUCACIÓN

Os participantes de "Coñecer as cidades patrimonio" protagonizarán un encontro final en Compostela

18/05/2005 Durante os días 20, 21 e 22 de maio terá lugar o encontro final dos centros gañadores do programa didáctico "Coñecer as cidades patrimonio", no que participaran 180 escolares das diferentes Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

O programa "Coñecer as cidades patrimonio", posto en marcha polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, naceu co obxectivo de que os alumnos de educación secundaria obrigatoria que viven e estudan en cidades patrimonio de humanidade aprendan a coñecer e valorar non só a súa cidade, senón o resto de cidades que ostentan o mesmo título, a través de traballos dirixidos polos seus profesores.

Os proxectos de investigación e os plans de traballo desta edición de "Coñecer as cidades patrimonios" realizáronse entre as cidades consonte aos seguintes intercambios: Salamanca con Eibissa, Segovia con Alcalá de Henares, Toledo con Córdoba, Cuenca con San Cristobal de La Laguna e Ávila con Cáceres. Os centros educativos da cidade de Santiago de Compostela, que podían presentar traballos sobre calquera das dez cidades restantes, propuxeron o tema "As prazas nas cidades patrimonio".

Logo de difundir o programa entre os centros entre outubro e novembro de 2004, e de presentar os traballos, os alumnos atópanse agora na terceira fase do programa: o encontro final en Santiago de Compostela. Nesta terceira fase, os grupos seleccionados de cada cidade, formados por 180 alumnos e profesores, exporán as conclusións dos seus traballos e participarán nun programa de actividades lúdicas e culturais durante os días 20, 21 e 22.

O venres 20 pola mañá empezarán a chegar as diferentes delegacións a partir das 13 horas. Pola tarde está previsto facer uns talleres de arqueoloxía de 17 a 19 horas.

As actividades consistirán en propoñer aos participantes un particular viaxe ás diversas "Compostelas" que houbo no pasado: descubrirán os segredos dos cazadores primitivos, xogarán unha partida de alquerque como no século XV, converteranse en detectives do pasado, escavando unha xacemento arqueolóxico e recoñecerán os restos no parque de San Domingos de Bonaval.

Ao día seguinte terá lugar, no Auditorio de Galicia, o acto de presentación dos traballos presentados polos grupos gañadores das diferentes cidades e pola tarde visitarán a costa galega: as Dunas de Corrubedo, o Castro de Baroña e o dolmen de Axeitos, entre outras actividades. O domingo 22 regresan ás cidades respectivas.

Compartir: