DEPORTES

Recepción ao atleta Pepín Rioseco, que con 80 anos acadou varios récords mundiais na súa categoría

15/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe ao atleta ferrolán José Vicente Rioseco, máis coñecido como Pepín Rioseco que, con 80 anos, acadou distintos récords mundiais na categoría da súa idade. Entre eles, destacan o de 800 metros, o de 1.500 metros e o da milla. Ademáis de superalos, fíxoo con diferenzas cronométicas salientables.

O atleta, pertencente o Club de Atletismo Narón, recibiu de mans do rexedor varios diplomas, un por cada un dos récords mundiais acadados. O seu récord mundial de 5.000 metros rebaixou en 57 segundos a anterior marca, a do canadense Ed Whitlock, que era de 20 minutos, 58 segundos e 12 décimas de segundo. Tamén bateu a plusmarca de 3.000 metros de Whitlock. Marcou 17 segundos menos, converténdose no primeiro maior de 80 anos en baixar dos 12 minutos nos 3.000 metros.

Rioseco comezou no deporte profesional despois de xubilarse. Antes fora militar, con rango de teniente coronel, e despois especializouse en medicina interna e xeriatría. Durante o acto, pediu un maior investimento no deporte, sinalando que "é o diñeiro mellor empregado", porque se está fomentando unha vida saudable.

Na recepción tamén estiveron presentes a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; Ramón Quiroga, edil do PP; Branca Novoneyra, de Compostela Aberta, e Goretti Sanmartín, voceira do BNG local. Pepín Rioseco estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Atletismo; Isidoro Hornillos; e polo presidente do Club de Atletismo de Narón, Miguel Soto.

Compartir: