CONSORCIO

O Consorcio de Santiago asesorou aos propietarios dun cento de inmobles na execución da acometida para a instalación de fibra óptica no ámbito do Plan Especial do Casco Histórico

09/09/2021 O organismo interadministrativo vén colaborando cos veciños nesta primeira fase de despregamento da infraestructura básica de forma excepcional.

O Consorcio de Santiago vén colaborando nesta primeira fase de despregamento da fibra óptica no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, de forma excepcional, cos veciños e propietarios que desexen contar con asesoramento institucional cara a facer as acometidas nos inmobles. De feito, xa prestou axuda técnica neste asunto a propietarios dun cento de inmobles.

Trátase así de evitar sancións derivadas dunha execución irregular que afecte a elementos patrimoniais. De tal forma que, unha vez realizada a solicitude de alta á compañía operadora, o usuario que o desexe pode enviar un correo electrónico ao Consorcio (oficinatecnica@consorciodesantiago.org) indicando no asunto "solicitude execución punto de acometida", engadindo o enderezo postal do inmoble, así como a persoa de contacto e un teléfono. Unha vez executado o punto de acometida, o resto do procedemento é unha relación exclusiva entre o cliente e as operadoras.

Esta relevante acción do órgano interadministrativo de Santiago cara a mellorar a habitabilidade residencial e favorecer a actualización das diferentes actividades económicas, culturais e institucionais no ámbito do Plan Especial do Casco Histórico, está a ser seguida por outras cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Compartir: