ACCIÓN CULTURAL

O festival WOS SON Estrella Galicia traerá de novo a vangarda musical a Santiago de Compostela esta fin de semana

09/09/2021 A VII edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia. no que colabora o concello de Santiago, ultima preparativos para volver cunha proposta adaptada aos novos tempos. Desde o venres 10 ata o domingo 12 de setembro, cinco localizacións diferentes da cidade de Santiago de Compostela acollerán esta Lite Edition do consolidado festival que, desta vez, volve en formato reducido mais sen perder a súa esencia e ánimo de ofrecer reveladoras e renovadoras propostas ao seu público cun programa conformado por artistas internacionais de vangarda.

A nova entrega de WOS Festival x SON Estrella Galicia presentouse esta mañá nunha rolda de prensa no pazo de Raxoi coa participación de Mercedes Rosón, Concelleira de Acción Cultural e Tenente Alcalde en representación do Concello de Santiago de Compostela; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Blas García Piñeiro, en representación da Deputación da Coruña; Juan Martínez Inchausti, xestor de patrocinios musicais de Estrella Galicia, e Iván Arias, director do festival.

Desta volta, continúanse presentando artistas "moi difíciles de ver nesta situación periférica, todos actúan por primeira vez en Galicia, moitos por primeira vez en España, trátase de artistas moi especiais e todos son igual de relevantes". Con estas palabras describía Arias unha edición chea de sorpresas pero que mantén a promesa de ofrecer unha alternativa cultural e artística única.

Desde a súa creación en 2011, o festival benefíciase da riqueza que ofrece Compostela é que non se podería atopar en ningún outro lugar do mundo. "Alégrame que podamos contar cunha edición máis da que xa é unha cita imprescindible na programación cultural de Santiago que trae a Compostela todas esas propostas de calidade e moi arriscadas", destacou Mercedes Rosón.
Unha fertilidade que se espalla ao longo e ancho da cidade, e que levará a WOS non só ao miolo da Zona Vella, onde se desenvolverán os concertos programados con sede no Teatro Principal e a Igrexa da Universidade. Tamén á Cidade da Cultura, factoría de proxectos con marca galega.

WOS Talks: Programación de debate e pensamento na Cidade da Cultura
Un ano máis, a Cidade da Cultura converterase o próximo venres, 8 de setembro, nun espazo para o debate e o pensamento crítico no seo do festival. WOS Talks x Fest Galicia 3.0: Zoom in reúne nesta edición a diferentes axentes das industrias culturais en xeral, e da industria musical en particular. Distribuídos en tres paneis —Artistas 3.0, Web 3.0 e Cultura 3.0—, os poñentes reflexionarán sobre como a tecnoloxía do presente afectará ao futuro incerto que se achega.
O director do festival lembrou que as invitacións son gratuitas pódense retirar a través da páxina web do festival ou a plataforma Ataquilla e destacou o papel dos moderadores Frankie Pizá e Cora Novoa. O evento tamén se poderá seguir por streaming a través da canle de YouTube do festival ou visualizar posteriormente baixo demanda.

A gran novidade desta edición é a inclusión de WOS Goes Green, unha nova rama do festival que ten coma fin poñer tamén en valor a riqueza da contorna natural de Compostela. Os paseo bioacústico polo Río Sarela programado contarán coa participación da bióloga Cristina Fuentes e o artista sonoro Carlos Suárez, que darán aos asistentes unha perspectiva alternativa na valorización do patrimonio verde.

Esta será a primeira vez que o WOS festival x SON Estrella Galicia desenvolve unha actividade establecida en exteriores. "Sorprendeunos a resposta do público a esta actividade, o que tiñamos claro é que se saiamos fora era para regalarlle as actividades á cidade", asegurou Arias.

Programación musical e de cinema
O cartel de música retorna un ano máis á procura da exploración contemporánea e a creatividade de vangarda no panorama internacional coas entradas xa esgotadas. O dúo de sintetizadores alemán Driftmachine; Eartheater, unha das artistas incipientes da escena underground estadounidense; a tamén estadounidense Elori Saxl, quen tocará por primeira vez en España xunto as galegas Margarida Mariño e María José Pámpano; a violinista casaco-británica Galya Bisengalieva; Grand River, neerlandesa-italiana afincada en Berlín; o francés Jonathan Fitoussi, que traballa co sintetizador na exploración de sons electrónicos; a electrónica ambient do kenyano KMRU, e o veterano pianista ucraíno Lubomyr Melnik, especializado na música continua. Como mostra de apoio a un sector tan danado pola covid coma a escena club, pincharán tamén os DJs BFlecha, Toccororo, Fatfish e Arnau Sabaté.

Pola súa parte, Martínez Inchausti destacou o "cartel de artistas internacionais que toda vía non se viu e que marca o carácter diferencial", mentres que Jacobo Sutil sinalou que "os afortunados que podan asistir desfrutarán dun festival diferente, de calidade e talento tanto por parte da organización como dos artistas".

Pola súa banda, WOS Cinema x Numax aposta este ano polas mulleres pioneiras da música electrónica. Poderán verse as películas Sisters with Transistors de Lisa Rovner e a estrea en España de Delia Derbyshire: The Myths and the Legendary Tapes, de Caroline Catz. Ademais, as propias directoras estarán presentes nas proxeccións e participarán nun coloquio co público asistente a cada unha das sesións.

Dende a Diputación da Coruña, García Piñeiro destacou que "este tipo de eventos culturais son estratéxicos, gústanos colaborar pola importancia que teñen e porque consideramos que son moi importantes a nivel cultural e tamén para mover o sector económico na provincia e no concello onde se celebran".

O festival é unha iniciativa da produtora compostelá WORK ON SUNDAY. Conta co patrocinio de SON Estrella Galicia e co apoio institucional do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial de A Coruña e da Xunta de Galicia a través de AGADIC, Fest Galicia, Xacobeo 21-22 e Fundación Cidade da Cultura.
Para obter máis información sobre o festival ou os artistas confirmados, pode visitar a web (wosfestival.es).

Direccións relacionadas



Compartir: