EDUCACIÓN

Arranca o curso con normalidade para o alumnado dos colexios de educación infantil e primaria do concello

09/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo concelleiro de Educación, Rubén Prol, visitou esta mañá o CEIP Apóstolo Santiago, o máis antigo da cidade con 105 anos de vida, con motivo do inicio do curso escolar, que arrancou hoxe con normalidade, tanto o servizo lectivo como o de comedores e madugadores.

O curso escolar 2021-2022 comezou hoxe nos centros de Compostela con normalidade, dentro do "protocolo sanitario vixente establecido pola Xunta", como salientou o concelleiro de Educación, Rubén Prol, que considera "positivo" que se puidera relaxar se as condicións o permiten.

O rexedor e o concelleiro visitaron o CEIP Apóstolo Santiago e comprobaron as obras realizadas neste centro, onde se levou a cabo o pintado e limpeza exterior da fachada, instalación de arquetas, limpeza de paramentos e pintado de ocos de fiestras e aulas, así como a revisión e limpeza de canlóns. Lembrou o edil que todas as obras e tarefas de conservación, reparación e mantemento dos centros educativos de infantil e primaria que estaban previstas polo Departamento de Educación están rematadas.

O Plan de Obras de verán contou cun orzamento de case 300.000 euros, con 53 actuacións en 23 dos 25 centros educativos que dependen do concello de Santiago, como reparacións, reformas e traballos de conservación e mantemento. A obra máis complexa das previstas foi a da cuberta da Escola Infantil de San Roque, que contou cun orzamento de 50.439.76 euros. O global para todo o ano chega aos 400.000 euros.

Actualmente xa se está traballando na planificación das actuacións necesarias para os vindeiros meses.

Escolas infantís, Escola de Música e Servizo de comedor e madrugadores
Hoxe tamén comezou o curso nas escolas infantís para 400 nenos e nenas (200 nas municipais e 200 nas consorciadas), así como para o alumnado da Escola municipal de Música, cuxa matrícula chega ás 412 persoas usuarias.

O servizo de comedores e madrugadores tamén funciona desde hoxe. Como xa se anunciou no mes de xullo, o servizo conta cunha APP denominada Colechef que permite realizar a contratación de servizos dunha maneira máis áxil por parte dos usuarios. Prol indicou que non se rexistran problemas de aforamento.

Compartir: