XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras do espazo cuberto de usos múltiples para o barrio de Santa Marta-Choupana

06/09/2021 A Xunta de Goberno local deu luz verde á adxudicación das obras para dotar ao barrio de Santa Marta-Choupana dun espazo cuberto de usos múltiples, por importe de algo máis de 122.000 euros, así como ao convenio coa USC para o financiamento do programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social, segundo informou en rolda o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

O executivo local adxudicou o contrato para a execución das obras do proxecto de espazo cuberto de usos múltiples para o barrio de Santa Marta-Choupana á emrpesa BARNACLE OBRAS Y SERVICIOS SL, por un importe total de 122.563,76 euros (101.292,36 euros máis IVE do 21%: 21.271,40 euros) ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas. Así mesmo, a empresa comprometeu unha ampliación do prazo de garantía das obras, que queda fixado en cinco anos; un aumento de orzamento de control de calidade dun 2%, sobre o 1% obrigatorio; e un aumento do orzamento do programa de actuación ambiental dun 2% sobre o proxectado.

A zona cuberta de usos múltiples ocupará unha superficie de algo máis de mil metros cadrados e estará localizada ao carón do centro cívico do barrio, contigua ao parque infantil e ás canchas deportivas existentes. O desnivel que separa a zona cuberta da área de xogos quedará solucionado cunha forma escalonada en forma de grada. Ademais, o proxecto prevé o posterior tratamento como espazo axardinado do resto da parcela.

Nesta sesión tamén se concedeu licenza para demoler a edificación situada na avenida de Vilagarcía, números 20 e 22, que o rexedor agarda "que sexa a antesala da licenza para a contrución do edificio que debe pechar as dúas mazás e completar ese espazo".

Servizos sociais
A Xunta de Goberno aprobou o texto do convenio de colaboración para o ano 2021 entre o Concello e a USC para o financiamento do programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social pola contía de 10.000 euros. Xosé Sánchez Bugallo salientou a importancia deste "programa pioneiro que permite que o departamento de Servizos Sociais derive á facultade de Odontoloxía a quen necesite tratamentos bucodentais que non cubre a Seguridade Social".

Tamén a proposta da Concellería de Benestar Social se aprobou o convenio coa Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais por importe de 15.000 euros para financiar o programa "Compostela+ solidaria".

Prezos públicos das actividades dos CSC
Por último, aprobáronse os prezos reducidos e públicos relativos ás actividades regulares e estables da rede de centros socioculturais do curso 2021/22 e deuse conta da programación nos distintos centros. A listaxe de prezos pode consultarse no documento que se adxunta a esta nova.

Documentos relacionados



Compartir: