ALCALDÍA

Santiago presentará os proxectos de construción dun aparcamento disuasorio e dun centro loxístico de distribución de mercadorías, que suman preto de 7 millóns, ás axudas do Ministerio de Transportes

03/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que o Concello presentará á convocatoria de axudas destinadas á mellora da mobilidade e da modernización do transporte público que pon en marcha o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dous proxectos "que teñen por obxectivo a mellora da calidade de vida da cidadanía": a construción dun centro loxístico de distribución de mercadorías e dun aparcamento disuasorio, ambos na zona de Meixonfrío. O orzamento global de ambas actuacións chega aos 7 millóns de euros.

Sánchez Bugallo asistiu esta mañá na sede da Delegación do Goberno a unha xuntanza informativa na que o delegado do Goberno, José Miñones, avanzou aos rexedores de Santiago, Coruña, Lugo e Ferrol as principais liñas desta primeira convocatoria de axudas destinadas á mellora da mobilidade e da modernización do transporte público que dispón de 1.000 millóns de euros de orzamento.

Santiago presentará a esta convocatoria o máximo de proxectos permitidos, dous, "nos que levamos traballando moito tempo", indicou o rexedor. En primeiro lugar, a habilitación dun aparcamento disuasorio de máis de 60.000 metros cadrados de superficie divididos en tres zonas nas que se habilitarían espazos para o transporte público, para autocaravanas e para vehículos particulares. Esta última zona tería capacidade para 2000 coches. Estaría situado nunha parcela municipal ubicada na avenida do Cruceiro da Coruña, no barrio de Meixonfrío, entre o Mercado de Gando e a estrada nacional.

O centro loxístico para a distribución de mercadorías á zona histórica habilitaríase nunha parcela de 12.000 metros cadrados, tamén de propiedade municipal, situada a carón da rotonda de Meixonfrío, entre a avenida de Asturias e a nacional 550. "Dende aí iniciaríase o reparto con vehículos de baixas emisión", engadiu Sánchez Bugallo.
O rexedor avanzou que sairán máis convocatorias ao abeiro dos fondos europeos e que o Concello presentará iniciativas para conseguir subvencións en materia de "vivenda, de rehabilitación, barrios, eficiencia enerxética, dixitalización…". Tamén lembrou que xa hai tres proxectos con financiamento confirmado con cargo a estes fondos: a EDAR, a terminal de viaxeiros da estación do AVE e o Plan de Sostibilidade Turística. "Temos moita esperanza en que todos estes investimentos supoñan cambios importantes que nos permitan avanzar no modelo de cidade que queremos e que melloren a calidade de vida da cidadanía", engadiu.

Cortes de tráfico por mor da celebración de La Vuelta e das obras no Hórreo
En rolda de prensa, o rexedor lembrou dous importantes acontecementos que afectarán á mobilidade na cidade: a celebración da última etapa de La Vuelta este domingo 5 de setembro e o comezo das obras de reurbanización da rúa do Hórreo o luns 6. Con respecto a esta última indicou que "intentaremos que a afectación sexa a menos posible", pero "é evidente que vai haber molestias". Co obxectivo de minimizalas "imos reforzar a accesibilidade do Ensanche" coa habilitación dunha rotonda á altura de San Pedro de Mezonzo e mantendo un carril en cada sentido da circulación durante o tempo de execución das obras.

Por último, Sánchez Bugallo, referiuse á situación do coronavirus na cidade: "seguimos tendo 12, 13 contaxios diarios", polo que, a pesar da "certa estabilización á baixa" que indican os datos, é preciso "seguir mantendo as medidas de elemental prudencia". En especial, insistiu, de cara ao comezo do curso universatario, xa que o dos estudantes "é un colectivo que aínda non está totalmente vacinado".

Documentos relacionados



Compartir: