MEDIO RURAL

Rematadas as obras do POS nas zonas de Chaián e Grixoa

31/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, visitaron esta mañá dúas das obras executadas polo Concello en coordinación coa Deputación da Coruña no marco do plan POS+ en Chaián e Grixoa.

En Chaián acometeuse a obra de reforzo do firme da estrada entre Marzo de Abaixo e o límite do termo municipal. Trátase dun viario estruturante entre as parroquias compostelás de Grixoa e Verdía e tamén de conexión entre os concellos de Santiago de Compostela e Trazo.

O tramo das obras executadas comprendeu dende as proximidades do lugar de Marzo de Abaixo ata a ponte do río Tambre, a carón da praia fluvial, e tivo por obxecto o acondicionamento e mellora do firme da estrada mediante mestura bituminosa en quente. Tamén se realizaron traballos de limpeza de gabias, adaptación de tapas de pozos e rexistros, sinalización horizontal en ambas marxes do vial e no seu eixe e instalación de sinalización vertical.

A actuación tivo un orzamento de adxudicación de 63.826,97 € e un prazo de execución de dous meses.

Grixoa
A continuación desprazáronse ata Grixoa, onde se levaron a cabo as obras de mellora e acondicionamento do local sociocultural. O edificio foi construído nos anos 70 por medios propios da asociación veciñal. Quedou inconcluso ata o seu remate polo Concello, que abordou a súa finalización. Posteriormente, na década dos anos 90, acometeuse unha reforma no edificio consistente nun reforzo estrutural.

As obras recentemente executas, cuxa definición foi coordinada coa Asociación de Veciños Monte Longo, consistiron nas seguintes actuacións principais: accesibilidade ao edificio dende o espazo exterior mediante a formación dunha rampla peonil de entrada á planta baixa e apertura de porta para o acceso directo a planta semisoto; substitución de muro de pavés, execución de trasdosado interior das estancias da planta baixa e colocación de falso teito con reforzo de estrutura que incrementará o illamento térmico interior e reducirá o consumo enerxético da calefacción; instalación dun sistema de renovación de aire con prequencemento no caso de baixa temperatura ambiental que minimizará as condensacións interiores; e execución dunha plataforma exterior de estancia na fachada traseira baixo a que se instalou unha fosa séptica para a depuración dos vertidos dos aseos e da cociña.

Neste caso, a actuación tivo un orzamento de adxudicación de 54.000 € e un prazo de execución de tres meses.

Compartir: