ALCALDÍA

A celebración da última etapa de La Vuelta 2021 obrigará a pechar á circulación as rúas do percorrido

27/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda de prensa das alteracións no tráfico que se producirán o vindeiro domingo 5 de setembro por mor da celebración na cidade da última etapa de La Vuelta 2021, unha contrarreloxo que sairá de Padrón e rematará na praza do Obradoiro.

Con motivo da celebración desta última etapa, as rúas da cidade polas que transcorrerá a carreira masculina quedarán COMPLETAMENTE PECHADAS AO TRÁFICO entre as 14.00 h e as 21.00 horas. Son as seguintes:

- AC-543 (Roxos. Rúa de Muros)
- Avda. da Mestra Victoria Míguez
- Estrada de San Lourenzo
- Rúa de San Lourenzo
- Rúa Poza de Bar
- Rúa das Galeras
- Rúa Domingo García-Sabell
- Costa de San Francisco
- Rúa de San Francisco
- Praza do Obradoiro (META)

En todas estas rúas a circulación de vehículos quedará totalmente interrompida entre as horas indicadas. O tránsito peonil poderá realizarse na medida en que o permita o paso dos corredores, excepto na zona final acoutada con valos (dende a estrada de San Lourenzo ata a praza do Obradoiro), tramo no que non poderá cruzarse a vía das 14.00 h ás 21.00 horas.

O alcalde pediu comprensión á veciñanza e recomendou á cidadanía que, na medida do posible, evite moverse nos seus vehículos durante a xornada do domingo 5, que vai ser, salientou, "un día moi importante para Santiago pola promoción que supón acoller un evento deste tipo". O rexedor fixo fincapé en que, aínda que hai zonas que contan con desvíos alternativos, hai outras nas que a saída e a entrada de vehículos quedará totalmente restrinxida de 14.00 h a 21.00 h, como por exemplo na zona zona de San Lourenzo, Galeras e García-Sabell. Tamén fixo un chamamento especial aos estudantes que, con motivo do inicio do curso do luns 6 de setembro, se despracen a Santiago ese domingo: "que teñan en conta as restricións vixentes".

Desvíos alternativos
Toda a circulación que proceda da zona Noia-Bertamiráns deberá acceder a través da AG-56 e entrar á cidade pola Rocha ou AP-9 Castiñeiriño/San Lázaro.

As alternativas para os distintos puntos da zona urbana afectados por este percorrido son os seguintes:

Hospital Universitario:
- Os vehículos procedentes da zona de Noia-Bertamiráns deberán entrar por AG-56 ata a saída da Rocha e acceder por Santa Marta ou rúa da Cantaleta.
- A zona norte deberá utilizar a SC-20 para entrar pola avenida de Antón Fraguas e acceder por Santa Marta ou rúa da Cantaleta.

Urbanización de Brandía:
Os movementos de entrada á urbanización deberán ser antes das 14.00 horas, xa que despois será imposible acceder.
O percorrido da carreira transcorre pola parte esquerda da avenida da Mestra Victoria Míguez e da rotonda, posibilitando a saída da urbanización en calquera momento do día pola rúa do Paseo do Esvedro cara á avenida de Xosé Filgueira Valverde.

Vidán:
As rúas da parte alta de Vidán (rúa de Vidán, Pereiro, Souto, Caraveis, Pozo e Bidueiro) poderán utilizar a rúa de Sarela de Abaixo ata o vial de Figueiras e dende aquí salvar o corte.

Zona do rueiro de Figueiriñas:
As rúas da Costa do Cano, Corredoira dos Muíños, Agro das Barreiras, rueiro de Figueiriñas, Toxeira de San Lourenzo e Ribeira de San Lourenzo, terán o acceso garantizado utilizando a rúa das Oblatas, Carme de Abaixo e Casas Novas para poder enlazar coa rúa Galeras e Vista Alegre.

CIRCUÍTO DA CARREIRA FEMININA
O domingo 5 pola mañá terá lugar tamén a carreira feminina. As rúas polas que transcorrerá estarán pechadas á circulación entre as 12.30 h e as 13.30 h, aproximadamente, en función do paso das corredoras.

- N-550
- Vía Edison (polígono do Tambre)
- Vía de la Cierva
- Vía Nobel
- Rúa da Ponte Romaño
- Rúa de Torreira
- Rúa do Avío
- Rúa Vista Alegre
- Rúa das Salvadas
- Rúa do Morón
- Rúa das Galeras
- Rúa de Domingo García Sabell
- Calle de San Francisco
- Avda. de Xoán XXIII (META)

TRANSPORTE URBANO
Os cambios no transporte urbano poden consultarse na web www.tussa.org e no documento que se adxunta a esta nova.

Obras
O día seguinte á carreira, o luns 6, arrancan as obras da rúa do Hórreo, cuxo plan de tráfico será presentado a vindeira semana. "Obviamente é unha obra que vai xerar molestias", indicou o rexedor, "pero traballamos co obxectivo de que en nadal estea normalizada a circulación".

Con respecto á obra en Concheiros, Sánchez Bugallo agarda que, "unha vez completada a etapa de reposición de servizos", avance o formigonado para que "a semana que vén os veciños comecen a notar unha maior facilidade nos accesos". O alcalde lembrou que se manexa a data do 10 de setembro para que a circulación se poida ir normalizando.

Outros asuntos
O alcalde tamén se referiu en rolda de prensa á resolución do Igape pola que se amplía ata o 30 de outubro de 2023 o prazo de execución dos proxectos acollidos á financiación dos fondos FEDER, "como o Biopolo", sinalou.

Por último, fixo balance da situación da pandemia na cidade: aínda que sinalou a boa situación na que se atopa Santiago, con 189 casos activos e unha incidencia acumulada a 14 días de 165 casos por 100.000 habitantes fronte a 639 e 625, respectivamente, a inicios de mes, lembrou que "non podemos arriscarnos a volver atrás", co que "segue sendo necesario manter a prudencia".

Compartir: