TURISMO

O INE confirma a recuperación turística de Santiago cun récord de turistas españois

25/08/2021 Os establecementos hoteleiros da cidade alcanzaron no pasado mes de xullo o seu máximo histórico de pernoctacións de turistas españois, con 108.273, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE). En ningún mes de xullo precedente se conseguira superar a cifra de 100.000 pernoctacións. O anterior máximo marcouse en xullo Ano Santo 2010, con 94.157 pernoctacións.

O dato de pernoctacións de turistas españois do INE confirma a recuperación da demanda turística da cidade, cun ritmo sustancialmente máis acelerado que no conxunto de España, achegándose aos niveis previos á Covid-19. Santiago tivo 135.235 pernoctacións no pasado mes, sumando as 26.962 de turistas internacionais. Con esta cifra, o descenso con respecto ao mes de xullo do 2019 foi do 15,8%, cando o descenso medio en España foi do 38,9%.

Esta recuperación máis rápida da demanda turística en Santiago pode comprobarse tamén analizando os datos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, onde se atopan cidades con características similares. Santiago foi a cidade con maior número de pernoctacións, cun amplo marxe con respecto ás demáis. Tras Santiago, con 135.235, sitúanse Córdoba, con 78.443, Salamanca, con 72.950, e Toledo, con 63.248.

Os datos de pernoctacións de xullo van na mesma liña que os datos que se conseguiron no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro nese mes, cando se alcanzaron os 233.819 pasaxeiros, cunha importante recuperación do tráfico. Santiago foi o segundo aeroporto con mellor comportamento de entre os principais aeroportos de AENA, só tras Tenerife Norte. O descenso con respecto ao 2019 foi do 22,6%, cando o descenso medio en España foi do 48,5%.

Estas cifras confirman as previsións de Turismo de Santiago, que estimaban unha forte recuperación do turismo español nos meses centrais de verán. O turismo internacional, que estaba vivindo un crecemento moi importante nos anos previos ao Covid-19, terá unha recuperación máis acompasada á evolución da pandemia nos diferentes países.

Compartir: