XUNTA DE GOBERNO

O Concello inicia a contratación do alumeado de Nadal para os anos 2021 e 2022

24/08/2021 A Xunta de Goberno, reunida en sesión extraordinaria, deu luz verde ao expediente da iluminación de Nadal para os anos 2021 e 2022 e abriu o procedemento de contratación cun orzamento de licitación total de preto de 500.000 euros.

O executivo local aprobou o expediente denominado "subministración, instalación, posta en funcionamento, mantemento e posterior retirada, en réxime de aluguer, dos elementos decorativos de alumeado do Nadal 2021 e 2022", e a apertura do procedemento de adxudicación, que se realizará mediante procedemento aberto simplificado, cun tipo de licitación de 413.126,70 euros, IVE aparte. O IVE correspondente (21% da cantidade anterior) ascende a 86.756,61 euros, o que supón un importe total de 499.883,3 euros.

O gasto correspondente a este contrato desagregarase do seguinte xeito por anualidades, condicionado, polo tanto, á súa inclusión nos correspondentes exercicios orzamentarios:
Anualidade 2021: 207.094,51 euros.
Anualidade 2022: 251.131,85 euros.
Anualidade 2023: 41.656,94 euros.

O prego técnico incluído no expediente que rexe as condicións do servizo recolle o alumeado para o Nadal 2021 e 2022 nas zonas tradicionais da cidade ampliándoo tamén aos principais barrios e vías de entrada da zona urbana. A relación das localizacións divídese en catro ámbitos: rúas e prazas do Casco Histórico; rúas e prazas do Ensanche; barrios, entradas da cidade e parroquias de Santiago; edificios municipais e enclaves singulares. Entre estes últimos salientan a praza de Galicia, praza Roxa, Alameda, Xoán Carlos I, As Cancelas, praza do Obradoiro (neste caso incluirá un pesebre), Porta da Pena, Salvador Parga e rotondas de acceso á cidade. A empresa adxudicataria deberá contemplar a devandita relación de rúas, prazas, espazos públicos e zonas a iluminar, que terá, en todo caso, a consideración de mínimo.

A iluminación estará en funcionamento do xoves 2 de decembro de 2021 ata o mércores 6 de xaneiro de 2022, ambos inclusive, e do 1 de decembro de 2022 ao 6 de xaneiro de 2023, de acordo co seguinte horario de acendido: desde as 18:00 h ata as 2:00 h e de 7:00 a 9:00, agás os días 24, 25 e 31 de decembro de 2021 e 2022 e o 5 de xaneiro de 2022 e 2023, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18:00 h. ata as 9:00 h.

O Concello de Santiago promove un procedemento aberto baixo criterios de sustentabilidade, apostando pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo e alto valor estético. Neste procedemento procúrase licitar un concurso para o deseño e instalación dun alumeado concordante coa cidade, con personalidade propia, que teña presenza no maior número de rúas, prazas, avenidas e espazos posibles de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: