XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as listaxes definitivas de autorizacións para a venda ambulante de xeados e castañas e de recordos

23/08/2021 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria de hoxe, deu luz verde ás listaxes definitivas para 2021 de autorizacións para a venda ambulante de xeados e castañas, así como para a de recordos na vía pública.

A reunión do executivo local aprobou o pasado 28 de xuño as autorizacións provisionais para o exercizo da venda de recordos na vía pública ás persoas solicitantes que reunían os requisitos para o exercizo desta actividade. De conformidade co establecido nas bases a adxudicación condicionábase á presentación do xustificante do pagamento da taxa municipal no prazo de 15 días hábiles. A relación de solicitantes incluídos no acordo citado foi de 14.

Posteriormente,na Xunta de Goberno de data 19 de xullo de 2021 estimáronse dous recursos e acordouse a compatibilidade das autorizacións para a venda de artesanía na vía pública coa venda de recordos na vía pública. Transcorrido sobradamente o prazo dos 15 dias hábiles previstos nas bases para o pagamento da taxa prevista na ordenanza fiscal municipal 3.24, procede agora a aprobación da listaxe definitiva das persoas autorizadas para o exercizo da actividade de venda de recordos na vía pública consonte ás bases aprobadas.

Apróbase, polo tanto, a relación definitiva de autorizados para a venda ambulante de recordos, que non exclúe a ningún dos vendedores incluídos na lista provisional. Son en total 14 autorizacións segundo a seguinte distribución: 6 na Praza da Inmaculada, 3 en Xoán XXIII, 2 na Rúa Nova, 2 en San Francisco e un en Carretas.

Tal e como establecen as bases, establecerase un sistema de rotación nas diferentes ubicacións. A asignación inicial de postos (dado que a partires da primeira semana se inicia a rotación) realizarase en función da puntuación obtida e a orde de prelación escollida.

Xeados e castañas
No que respecta á venda de xeados e castañas, mantense tamén a mesma lista aprobada de xeito provisional o pasado 28 de xuño. Deste xeito, concédense cinco autorización nas seguintes ubicacións: cantón do Toural, praza do Toural, porta Faxeira, Alameda e praza de Cervantes.

Convenios
A Xunta de Goberno local aprobou o texto do convenio e a concesión dunha subvención ao Ateneo de Santiago por importe de 20.000 euros para financiar un ciclo de conferencias e tomou conta do asinado con Cáritas Diocesana, por importe de 30.000 euros, para o programa Vagalume de acompañamento a mulleres en contextos de prostitución.

Compartir: