XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá luz verde a seis expedientes de contratación por un importe global de máis de 700.000 euros

23/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda de prensa dos asuntos máis destacados da reunión ordinaria da Xunta de Goberno, entre os que salientan a aprobación do inicio dos expedientes de contratación de diversos proxectos e obras. O relativo ao acondicionamento exterior da Rocha Forte é o máis cuantioso, pero entre todos eles chegan á cifra de 708.829,43 euros. Nesta sesión tamén se tomou coñecemento da desestimación dun recursos interposto contra a adxudicación do contrato de mantemento dos parques e xardíns da cidade, que deste xeito queda libre para a súa formalización.

A Xunta de Goberno tomou coñecemento da desestimación do recurso contra o seu acordo de 28 de xuño de 2021 polo que se adxudicaba o contrato do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo do Concello de Santiago de Compostela. A resolución do Tacgal desestima o recurso presentado por ACCIONA, SA e confirma a adxudicación a favor de CESPA, SA. Procédese agora a formalizar o contrato adxudicado a CESPA, SA, que se encargará do mantemento de 2,7 millóns de metros cadrados de zonas verdes de titularidade municipal no casco urbano.

Inicio de seis expediente de contratación
No que respecta aos procedementos de adxudicación, o rexedor compostelán salientou a apertura do expediente para o acondicionamento exterior do xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte, que se tramitará a través da modalidade de aberto simplificado, cun orzamento de licitación de 292.168 € (241.461,16 euros sen IVE; IVE de 50.706,84 euros) e un prazo de execución de 3 meses. "Trátase neste caso dos accesos e do aparcamento, co obxectivo de completar o entorno para a súa posta en marcha".

Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo á dotación económica municipal.

Así mesmo, Sánchez Bugallo referiuse a "unha obra importante e necesaria" como é a estabilización de noiro e acondicionamento e mellora do vial da rúa do Bidueiro (Vidán), cun orzamento de licitación de 190.470,31 € (157.413,48 euros sen IVE; IVE de 33.056,83 euros) e un prazo de execución de 4 meses. Subliñou o rexedor que é a continuación dunha obra realizada nos meses pasados coa que se acondicionou a parte situada "da ponte cara a rúa dos Caraveis". Con este expediente abordarase o espazo situado "da ponte cara a Sarela de Abaixo".

O executivo local deu luz verde tamén ao inicio do expediente para o acondicionamento de camiño agrícola en Requesende (Sabugueira). O orzamento de licitación é de 63.369,04 € (54.024 euros sen IVE; IVE de 11.345,04 euros) e o prazo de execución, de 2 meses. Esta obra será financiada por AGADER dentro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.

Tamén se continúa coa instalación de alumeado público en Figueiras. A Xunta de Goberno aprobou o expediente e a apertura do procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto simplificado, cun orzamento de licitación de 56.976,82 € (47.088,28 euros sen IVE; IVE de 9.888,54 euros) e un prazo de execución de 2 meses.

No ámbito dos servizos básicos iniciáronse dous expedientes: un para a subministración de 600 composteiros individuais de exterior, aireadores, termómetros para compostaxe doméstica e subministro, transporte, descarga e montaxe de unidades modulares de compostaxe; e outro para a subministración de dous puntos limpos móbiles. Os orzamentos de licitación son de 43.750 € (34.562,50 euros sen IVE; IVE de 9.187,50 euros) e de 62.095,26 euros (51.318,40 euros sen IVE; IVe de 10.776,86 euros), respectivamente. O financiamento da adquisición de puntos limpos móbiles forma parte das axudas en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014- 2020.

Licenzas
En canto ás licenzas, Sánchez Bugallo referiuse ás concedidas á Consellería de Política Social para a demolición dunha vivenda e unha nave situadas na parcela DOC e parcela EQ do Plan de Sectorización do SUNP-14 (Tras Paxonal) Rúa Monte seixo nº 21, e para a construción dun edificio destinado a Residencia de Persoas Maiores, cun orzamento de execución material de 8.898.800,00 €. "Trátase da residencia de maiores que construirá a Fundación Amancio Ortega e que xestionará a Xunta de Galicia".

Tamén se concedeu licenza á Comunidade de propietarios Bloque R.2.2 PLG Fontiñas para a instalación de ascensor en acceso a aparcamento no edificio situado na Rúa Lisboa 5.

Documentos relacionados



Compartir: