TURISMO

Compostela quedará conectada con Copenhague a partir do 1 de abril

28/03/2007 A oferta de voos de Lavacolla amplíase cunha nova conexión, vía Palma de Mallorca, con Copenhague, a capital de Dinamarca. Este novo traxecto diario poñerase en marcha o 1 de abril.

A nova conexión forma parte da oferta de compañía alemana de baixo custo Air Berlín para o ano 2007, presentada en Santiago nun acto presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. A aerolínea superou en Lavacolla a barreira dos 100.000 pasaxeiros en 2006 e afronta a nova temporada coa perspectiva de seguir medrando no aeródromo santiagués, segundo indicou o director xeral de Air Berlín para España e Portugal, Álvaro Middelmann.

Na actualidade, Air Berlín voa dende Santiago a 25 aeroportos. Así, ofrece conexións, vía Palma de Mallorca, con dezasete aeroportos de Alemaña: Berlín-Schönefeld, Berlin-Tegel, Colonia/Bonn, Dortmund, Dresden, Düsseldorf, Erfurt, Frankfurt, Hamburgo, Hannover, Leipzig/Halle, Munich, Münster/Osnabrück, Nuremberg, Paderborn/Lippstadt, Rostock/Laage e Stuttgart; tres de Austria: Linz, Salzburgo e Viena; un de Dinamarca: Copenhague; un de Holanda: Amsterdam; un de Italia: Milán/Bergamo; e 1 de Suíza: Zurich.

Os prezos por traxecto a ou dende Palma de Mallorca (voo diario/directo) van dende os 29 euros, todo incluído. O custo por trayecto a ou dende Alemaña, Dinamarca, Holanda, Italia e Suíza, vía Palma de Mallorca, é partir dos 69 euros, todo incluído. A Austria é dende 99 euros.

Compartir: