XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a lista definitiva de autorizacións de venda ambulante de artesanía para o ano 2021

17/08/2021 A alcaldesa en funcións, Mercedes Rosón, deu conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados na reunión ordinaria da Xunta de Goberno local, entre os que salienta a aprobación da listaxe definitiva de autorizacións de venda ambulante de artesanía para este ano e o inicio do expediente de contratación da diagnose, reparacións urxente e plan de mantemento de muros tradicionais.

A Xunta de Goberno local deu luz verde á listaxe definitiva de persoas autorizadas para o exercizo da venda de artesanía na vía pública nos termos das bases aprobadas na Xunta de Goberno de 11 de maio de 2021. En total concédense 17 autorizacións (16 para postos de artesanía e un para fotografía) que se distribuirán nos puntos fixados nas devanditas bases: 5 na praza da Inmaculada, 8 na rúa Salvador Parga, 3 na praza de Cervantes e un na praza de Fonseca (fotógrafo). A asignación inicial de postos (dado que a partires da primeira semana se inicia a rotación) realizarase en función da puntuación obtida e a orde de prelación escollida.

Con respecto á aprobación inicial da listaxe, acordada o 28 de xuño, estimáronse tres recursos e denegouse unha autorización ao non ter cumprida a condición de pagamento da taxa prevista na ordenanza fiscal 3.24 no prazo dos 15 días hábiles seguintes á apertura do prazo para a recollida da carta de pagamento publicado na web municipal.

Obras
No apartado de obras, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de carácter tradicional e acordou a apertura do procedemento de adxudicación, baixo a modalidade de procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 43.884,32 euros IVE aparte. O IVE correspondente (21% da cantidade anterior) ascende a 9.215,70 euros e o prazo de execución previsto é de tres meses.

O obxecto do contrato é a prestación do servizo para a diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de carácter tradicional, tanto de titularidade pública como privada, con posibles afeccións sobre os espazos públicos da cidade de Santiago de Compostela. Con el preténdese cubrir a redacción dun documento técnico orientado a definir as seguintes tres fases:

Fase I: Catalogación dos muros e diagnoses do seu estado

Fase II: Planificación e predeseño das actuacións clasificadas como urxentes

Fase III: Plan de inspección, conservación e mantemento

Tamén no apartado de obras, aprobouse o proxecto de modificación do Centro de Transformación de compañía na Rúa da Codeseira de Vidán (SUNP20 Amanecida) e acordouse autorizar o inicio de trámites para proceder á recepción das obras recollidas no proxecto "Reconstrución de muro na rúa Costiña do Monte".

Servizos Sociais
No que respecta ao departamento de Servizos Sociais, deuse conta da sinatura de dous convenios: coa ASOCIACIÓN GALEGA PARA AXUDA DOS ENFERMOS CON DEMENCIA TIPO ALZHEIMER (AGADEA) para o financiamento do programa "GEA GRUPO DE ENVELLECEMENTO ACTIVO", por un importe de 3.000 euros; e con CRUZ ROJA ESPAÑOLA para o financiamento dos programas "TELEASISTENCIA E ATENCIÓN A PERSOAS SEN FOGAR", por un importe de 85.000 euros.

Compartir: