ANO SANTO

Recepción a unha representación da Fundación Canaria Pequeño Valiente, que peregrinaron a través do Camiño Portugués para concienciar sobre o cancro infantil

13/08/2021 O alcalde en funcións e delegado do Ano Santo 2021, Sindo Guinarte, e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, recibiron hoxe a tres representantes da Fundación Canaria Pequeño Valiente, que realizaron o Camiño de Santiago Portugués en bicicleta desde Lisboa, co obxectivo de divulgar o labor da entidade, informar sobre a situación do cancro infantil, e concienciar do esforzo que supón o traballo diario para as familias dos menores que padecen esta doenza.

Á Praza do Obradoiro chegaron José Pérez, Presidente da fundación; Jose Ángel, pai dun neno con cancro, e José Antonio, un paiaso voluntario que colabora coa entidade. Alí esperábanos dúas representantes de ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

A Fundación Canaria Pequeño Valiente é unha entidade sen ánimo de lucro que ofrece servizo a menores con cancro das Illas Canarias. Cada ano realizan, no marco do proxecto de divulgación e actividades EcoValiente; algunha das rutas do Camiño de Santiago. Este ano foi o Camiño de Santiago Portugués. Ao longo do percorrido mantiveron encontros con outras entidades lusas que tamén traballan co pacientes de cancro infantil, como ACREDITAR.

Compartir: